O PSOE de Lugo reclama máis financiamento para a dependencia

O Grupo Municipal Socialista defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galicia un incremento urxente do financiamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e para solicitar ao Goberno local que faga públicas as medidas concretas previstas para reducir a lista de agarda existente na cidade.
A concelleira socialista Ana González Abelleira asegurou que a situación actual da dependencia en Galicia e en Lugo responde, ao seu xuízo, a anos de falta de planificación e a un modelo de financiamento insuficiente por parte da administración autonómica.
A edil sinalou que Galicia continúa situándose entre as comunidades con menor investimento por persoa potencialmente beneficiaria no ámbito da dependencia, afastada doutras autonomías que presentan maiores niveis de gasto social. Segundo indicou, a administración local continúa asumindo unha parte crecente do esforzo económico para manter servizos que considera responsabilidade da Xunta.
Desde o grupo socialista tamén cuestionaron o denominado “plan de choque” anunciado recentemente polo Goberno local para facer fronte ás listas de agarda do SAF. Segundo Abelleira, seguen sen coñecerse detalles sobre a aplicación das medidas previstas, os recursos humanos e materiais dos que se disporá ou os prazos para a incorporación de novas persoas ao servizo.
Neste sentido, a concelleira incidiu en que o financiamento autonómico actual, situado en 16 euros por hora, continúa afastado dos custos reais do servizo, que distintos estudos da FEGAMP sitúan entre os 20 e os 22 euros por hora. A súa formación considera que esta diferenza económica repercute directamente nas arcas municipais.
A socialista tamén puxo o foco nas condicións laborais das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar, un sector maioritariamente feminino que, segundo destacou, desempeña unha función esencial e continúa afrontando dificultades relacionadas coa carga asistencial e cos recursos dispoñibles.
Na iniciativa plenaria, o Grupo Socialista reclamará á Xunta a aprobación do Plan Estratéxico de Servizos Sociais previsto na Lei 13/2008, un reforzo do financiamento autonómico, a asunción dos custos reais do SAF e medidas orientadas á mellora das condicións laborais das profesionais do sector. Ademais, solicitará ao Goberno local información detallada sobre as actuacións previstas para reducir a lista de agarda existente na cidade.