O PSOE de Lugo reclamará garantías para crear unha Facultade de Enfermaría propia no Campus Terra

O portavoz socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, reclamará no vindeiro pleno municipal garantías ao Goberno local de Paula Alvarellos Candia para que a institución traballe “de forma activa e decidida” na creación dunha Facultade de Enfermaría propia no Campus Terra.
O Grupo Municipal Socialista presentará unha proposición na que insta ao Executivo local a colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela para impulsar unha Facultade de Enfermaría con identidade propia en Lugo, en liña cos acordos acadados co anterior goberno municipal. A iniciativa tamén solicita á Xunta de Galicia e ao resto de administracións implicadas que garantan para Lugo unha estrutura académica propia, autónoma e estable no ámbito dos estudos de Enfermaría.
A proposta inclúe ademais trasladar os acordos á Reitoría da USC, ás consellerías competentes, á Academia Galega de Enfermaría e ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.
Miguel Fernández asegurou que levan “meses traballando coa Universidade de Santiago para defender un futuro digno para os estudos de Enfermaría en Lugo” e destacou que a nova reitora asumiu o compromiso de avanzar cara a unha facultade propia no Campus Terra. O portavoz socialista cuestionou agora se o Goberno local “vai pelexar por Lugo ou quedar calado aceptando que a cidade perda peso universitario, capacidade de decisión e oportunidades de futuro”.
O dirixente socialista defendeu que a Escola Universitaria de Enfermaría constitúe “unha peza estratéxica para o futuro sanitario, económico e laboral de Lugo”, lembrando que cada ano fórmanse na cidade decenas de profesionais sanitarios que posteriormente desenvolven a súa actividade en hospitais e centros de saúde da provincia.
Fernández advertiu de que o futuro da formación en Enfermaría en Lugo “continúa en risco” tras a sinatura, o pasado 30 de abril de 2025, dun protocolo entre a Consellería de Educación, o Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a Consellería de Sanidade e as tres universidades públicas galegas para reorganizar a docencia de Enfermaría en Galicia arredor dunha única facultade por universidade.
Segundo explicou, ese documento contempla que a actual Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo pase a integrarse como unha sección dependente da Facultade de Enfermaría de Santiago, unha posibilidade que, segundo indicou, xerou preocupación entre profesorado, alumnado e colectivos profesionais ao considerar que suporía unha perda de autonomía académica, organizativa e institucional para o Campus Terra.
O voceiro socialista afirmou que “Lugo non pode permitirse seguir perdendo centralidade nin resignarse a ser unha cidade subsidiaria de Santiago” e acusou ao Goberno local de carecer da “ambición necesaria” para defender os intereses estratéxicos da cidade.
Neste contexto, lembrou que a Escola Universitaria de Enfermaría leva máis de cinco décadas formando profesionais sanitarios cun “enorme prestixio académico” e cunha estreita relación coa realidade sanitaria da provincia. Tamén destacou que se trata dun dos centros máis demandados do Campus Terra, cubrindo anualmente todas as súas prazas en pouco tempo.