O PSOE de Lugo valora o inicio do expediente para nomear Fillo Adoptivo a Mariano Castiñeira

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, valorou de forma positiva a decisión do Goberno local de iniciar o expediente para conceder a Mariano Castiñeira o título de Fillo Adoptivo de Lugo, unha proposta promovida polo PSOE que, segundo afirmou, “comeza a materializarse grazas á nosa insistencia e ao noso traballo”.
Fernández lembrou que a iniciativa foi rexistrada polo Grupo Socialista co obxectivo de recoñecer oficialmente a traxectoria dunha figura destacada do deporte lucense. Ao mesmo tempo, criticou que o Goberno local retirase inicialmente a proposta da orde do día do Pleno, impedindo o seu debate, malia contar cun amplo consenso social.
O dirixente socialista considera que o inicio do expediente supón unha rectificación da postura inicial do Executivo municipal e sostén que a decisión actual chega despois de que o PSOE volvese presentar a iniciativa no Pleno ordinario de xuño.
Fernández subliñou que o recoñecemento a Mariano Castiñeira transcende a confrontación política e responde ao apoio de entidades deportivas e persoas vinculadas ao deporte lucense, que levan anos reclamando este nomeamento.
O portavoz destacou tamén que o título de Fillo Adoptivo permitirá recoñecer unha traxectoria baseada no impulso do deporte base e no compromiso co asociacionismo deportivo, destacando a Castiñeira como referente para varias xeracións.
Finalmente, o PSOE mostrou a súa satisfacción polo avance do expediente e defendeu que os recoñecementos institucionais deben responder aos méritos persoais e non a intereses políticos.