O PSOE de Monterroso celebra a aprobación da súa proposta para garantir as axudas ao tecido asociativo

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en Monterroso celebrou que a Corporación dese luz verde á súa iniciativa para garantir as axudas ás asociacións e comisións de festas, malia o voto en contra do alcalde do PP, Eloy Pérez, e do edil non adscrito, Antonio Gato.
A proposta socialista reclamaba ao Concello a tramitación urxente dunha modificación de crédito con cargo ao remanente de 2025 para actualizar as subvencións ao tecido asociativo, cultural, deportivo, festivo e veciñal do municipio.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafael García, censurou a postura do alcalde, ao que acusou de tentar empregar os colectivos “como arma política” tras xustificar o seu voto en contra alegando que estas axudas só se incluirán no caso de aprobarse un novo orzamento.
García advertiu de que condicionar a supervivencia do motor social, cultural, deportivo e festivo de Monterroso á aprobación das contas é “unha escusa de mal pagador e unha chantaxe en toda regra”, lembrando ademais que o Concello continúa con orzamentos prorrogados desde 2023. Nesta liña, afeou ao rexedor a súa “falta absoluta de coherencia”, xa que en 2025 o propio goberno local activou unha modificación das bases de execución para poder aboar subvencións nominativas co orzamento prorrogado.
O voceiro socialista incidiu en que as asociacións e comisións de festas “non poden quedar atrapadas na incapacidade de xestión do Goberno local” e defendeu que o Concello conta con mecanismos legais e recursos dispoñibles para dar resposta sen poñer en risco a actividade dos colectivos. “Esixir ás directivas que asuman riscos patrimoniais e persoais mentres hai diñeiro dispoñible e remanente dabondo é unha irresponsabilidade que non imos permitir”, afirmou.
Desde o PSdeG-PSOE advirten de que permanecerán “absolutamente vixiantes” para garantir que o acordo aprobado no Pleno se execute coa máxima urxencia. “Monterroso non pode permitirse que o seu tecido asociativo pague as consecuencias da parálise do Partido Popular. As asociacións, os clubs, os colectivos veciñais e as comisións de festas merecen respecto, certezas e apoio real por parte do noso Concello”, concluíu Rafael García.