O PSOE de Monterroso denuncia a acumulación de lixo no exterior do punto limpo de Pol

LugoXa
Rafael García reclama a retirada dos residuos e a limpeza da zona pola súa proximidade aos depósitos de auga que abastecen as vivendas do núcleo.
PSdeG-Monterroso_Punto_Limpo-lixo
4 Nov 2026

O voceiro do PSdeG de Monterroso, Rafael García, denuncia a acumulación de residuos no exterior do punto limpo municipal, situado no lugar de Pol, e reclama ao goberno local do PP que actúe para retirar o lixo e limpar a contorna. O Grupo Municipal Socialista presentou o martes 3 de novembro un escrito no Concello no que solicita tamén medidas para evitar novas verteduras.

Segundo denuncia a formación, no camiño perimetral e nas cunetas exteriores do recinto acumúlanse residuos voluminosos, madeiras, plásticos e restos de obras. García considera especialmente preocupante a situación pola proximidade dos refugallos á edificación que alberga os depósitos de auga que abastecen a veciñanza de Pol.

O PSOE pide a retirada inmediata de todos os residuos abandonados fóra das instalacións, así como a recuperación do estado orixinal do camiño e das cunetas. A solicitude inclúe tamén a limpeza e desinfección da zona para evitar posibles problemas de salubridade.

Ademais, os socialistas propoñen que os servizos técnicos municipais estuden a instalación de cámaras de seguridade e videovixilancia no perímetro do punto limpo. A medida tería como obxectivo disuadir de novas verteduras, identificar as persoas responsables e facilitar a aplicación das sancións correspondentes.

García reprocha ao goberno do PP a falta de actuación ante esta situación e considera que o comportamento incívico de quen abandona os residuos non pode xustificar a inacción municipal. Por iso, insiste na necesidade de retirar o lixo canto antes e habilitar mecanismos para evitar que se repita.

0.15698909759521