O PSOE de Portomarín denunica o mal estado da auga da traída

LugoXa
A agrupación do PSdeG de Portomarín denuncia que a auga da traída chega turbia dende o pasado venres.
problemas auga traida portomarin
13 sep 2023

A agrupación do PSdeG de Portomarín denuncia que a auga da traída chega turbia dende o pasado venres. O seu voceiro, Marcos Arias, alerta de que esta situación está xerando grandes problemas, tanto nos negocios coma nas familias da localidade.

“Non se pode beber, non serve para cociñar e tampouco se pode lavar a roupa con ela porque sae moi escura cando abres a billa. Pasan os días e dende o Concello non dan nin explicacións, nin unha solución”, afirma Arias, quen esixe ao alcalde medidas canto antes.

Advirten os socialistas dos importantes prexuízos que causa para o sector servizos, que é fundamental na localidade, pois “nos hoteis e nos albergues chegan peregrinos que se atopan con esta auga tan revolta e tamén protestan. Tanto fomentamos o turismo e queremos dar unha boa imaxe do noso municipio que ao final non temos servizos básicos para ofrecerlles”, lamenta. “A xente e os negocios están indo lavar a roupa a concellos veciños, con todo o que iso ocasiona de perda de tempo e de incomodidade”, explica, pois Portomarín atende tamén neste mes de setembro a numerosos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño de Santiago.

“O alcalde ten que priorizar os investimentos e os proxectos que necesita Portomarín, e está claro que fai falta mellorar o sistema da auga porque estes problemas non son a primeira vez que aparecen. Ten que deixar de facer outro tipo de obras que non son urxentes para o noso municipio e atender os problemas reais dos nosos veciños e veciñas”, afirma.

Este mércores un grupo de veciños e veciñas realizou unha concentración ás portas da casa consistorial para expresar o seu malestar pola mala calidade que presenta a auga. Varios membros da agrupación socialista sumáronse en sinal de apoio e medida de reivindicación para urxir unha solución canto antes.

0.15052199363708