O PSOE de Portomarín reprocha ao PP a preocupación pola Guarda Civil descoidando sanidade e educación

LugoXa
As e os socialistas lembran que a praza vacante no centro de saúde segue sen cubrir dende a xubilación da profesional no ano 2020
PSOE-Portomarín-pleno
12 Jun 2026

O PSdeG de Portomarín reprochou este venres aos senadores do Partido Popular que amosen agora unha “gran preocupación” pola situación do cuartel da Garda Civil no municipio, pero non mostren ningunha implicación ante problemas que afectan directamente aos servizos básicos da veciñanza, como a falta de cobertura da praza vacante no centro de saúde ou as necesidades de profesorado no colexio público.

“As veciñas e veciños agradecerían ao PP que tivese pola atención sanitaria e pola educación a mesma preocupación que di ter polo cuartel da Garda Civil”, sinalaron dende a agrupación socialista, que aclarou que en Portomarín “non existe unha sensación de inseguridade entre a veciñanza”, pero si carencias prolongadas no tempo en servizos públicos fundamentais.

Neste sentido, as e os socialistas lembran que o centro de saúde segue cunha praza médica vacante dende o ano 2020, tras a xubilación da profesional. “Daquela Juan Serrano era alcalde de Portomarín e non foi quen de conseguir que esa baixa se cubrise. Seis anos despois, a praza segue sen cobertura e o PP continúa sen dar unha resposta á veciñanza”, denunciaron.

“Se de verdade queren defender Portomarín, o PP ten unha oportunidade moi sinxela: reclamarlle á Xunta do PP a cobertura da praza médica que leva anos pendente”, engadiron.

O PSdeG tamén censura que os senadores populares tampouco estivesen ao carón das familias cando durante dous cursos consecutivos reclamaron máis profesorado para o colexio público, co obxectivo de evitar agrupamentos que prexudicaban ao alumnado. “Nin Juan Serrano nin os senadores do PP estiveron acompañando aos pais e nais cando pedían un profesor máis para os nenos e nenas de Portomarín. Se se conseguiron melloras foi grazas á mobilización das familias, non á implicación do Partido Popular”, subliñaron.

Dende agrupación socialista incidiron ademais en que a Garda Civil mantén unha presenza “constante e visible” no municipio, especialmente pola atención ao paso de peregrinos no Camiño de Santiago, polo que consideran que o PP “debería medir mellor as súas prioridades e escoitar as demandas sanitarias e educativas da veciñanza”.

A formación reclamou ao Partido Popular “menos propaganda e máis compromiso real cos servizos públicos de Portomarín”, e concluíron que “a sanidade e a educación tamén son fundamentais para garantir a calidade de vida e a seguridade da nosa cidadanía”.

UN SARXENTO E DOUS GARDAS, SEGUNDO DI O PP

Os senadores do PP lucense explican que “a realidade é que no cuartel de Portomarín, que presta servizo tamén a Paradela, hai actualmente 1 sarxento e 2 gardas no momento de máis tensión turística de Portomarín e Paradela”.

O senador Juan Serrano subliña que “esa é a visión real da situación” que “coñecen perfectamente os veciños e veciñas”. E engade que “a diferenza do señor Mogo, vivo en Portomarín e coñezo por nome e apelidos aos axentes que prestan os seus servizos nestes dous concellos da provincia de Lugo”.

“Pero non lle fai falta ir a Portomarín para ter datos reais de primeira man: no municipio onde veranea o señor Mogo, O Valadouro, hai actualmente un total de 2 efectivos dos 6 que recolle o catálogo”, apunta.

Segundo os datos que ofrece o propio Executivo en resposta oficial ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense, “a 31 de decembro de 2025 estaban sen cubrir 169 das 1.092 postos do catálogo para a provincia de Lugo; é dicir, case 2 de cada 10 prazas”.

Ademais, os populares afean que “o Goberno de Sánchez non especificou o grao de cobertura de prazas en cada cuartel como lle solicitabamos nas nosas preguntas”. E advirten, á vista de varios exemplos concretos de municipios da provincia, dun “déficit de servizo no rural”.

Serrano asegura que “non manipulamos” sobre os datos da Garda Civil en Portomarín. “Quen parece que intentou en Madrid manipular á Garda Civil, polo que sabemos recentemente, foi o PSOE”, apunta. O senador popular reafirma, así mesmo, o “respecto” do Partido Popular aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e “o noso recoñecemento ao seu traballo”.

Finalmente, Juan Serrano convida a Mogo a “ocuparse menos dos temas de Xibraltar e máis dos temas da provincia de Lugo, que é que debería representar no Senado”.

0.14389991760254