O PSOE de Rábade denuncia que a alcadesa converteu a súa moción nun rogo para non ter que debatila no pleno

LugoXa | TerraChaXa
Alejandro Martínez cualifica esta manobra como “un grave ataque á democracia municipal e aos dereitos de representación da veciñanza de Rábade”
psoe-rabade-candidatura
27 May 2026

O PSdeG de Rábade denuncia que o goberno municipal do Partido Popular converteu nun rogo a moción rexistrada polo Grupo Municipal Socialista sobre a mellora das instalacións deportivas municipais. As e os socialistas comprobaron esta modificación ao recibir a convocatoria do Pleno, feita pola alcaldesa do PP, na que a iniciativa non figura como moción, senón como rogo.

O voceiro socialista, Alejandro Martínez, cualificou esta manobra como “un grave ataque á democracia municipal e aos dereitos de representación da veciñanza de Rábade”, porque impide que unha proposta municipal poida ser debatida e votada polos grupos da Corporación.

“É un abuso de poder desta alcaldesa e do grupo do PP. Alteran a orde do día por decisión propia para privar ao Pleno do debate e votación dunha moción presentada en tempo e forma por un representante democrático do concello”, denunciou Martínez.

A moción do PSdeG reclamaba actuacións na pista e nos vestiarios do pavillón municipal, a habilitación dun segundo vestiario no campo de fútbol e a busca de colaboración doutras administracións, incluída a Xunta de Galicia e ou a Deputación Provincial, para financiar estas melloras.

“Ten medo a alcaldesa de votar en contra dunha proposta para arranxar unhas instalacións deportivas que usan clubs, equipos, mozos e mozas e moitas familias de Rábade? Ou o que teme é que se abra un debate que deixe en evidencia o pésimo balance destes tres anos de goberno popular?”, preguntouse o voceiro socialista. Martínez cualificou ese balance de “penoso”, con “cero investimentos do PP da Xunta de Galicia no Concello de Rábade nestes tres anos de maioría absoluta do Partido Popular”.

Martínez afirmou que esta manobra evidencia que o PP “non quere dar a cara”, “non queren que quede á vista o seu legado no noso concello despois de tres anos de goberno: ningún investimento relevante, ningunha resposta ás necesidades da veciñanza e ningún compromiso real con Rábade”, concluíu.

0.1196870803833