O PSOE denuncia a falta de persoal nos comedores escolares de Lugo e reclama solucións á Xunta

LugoXa
Ana González Abelleira alerta das modificacións nos menús dos colexios das Gándaras e Nadela por falta de persoal de cociña e pide cubrir as vacantes e reforzar o financiamento do servizo
PSOE-Lugo-Ana-Abelleira
25 Nov 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo denunciou a falta de persoal de cociña en varios comedores escolares do municipio, unha situación que está obrigando a modificar os menús e recorrer a solucións improvisadas, como servir pizzas ou empanadas. A voceira adxunta,

Ana González Abelleira, reclamou unha resposta inmediata para garantir a calidade da alimentación do alumnado, especialmente nos centros das Gándaras e Nadela, afectados por incidencias trasladadas pola Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de Lugo (Fapacel).

Segundo explicou Abelleira, no CEIP As Gándaras o cesamento da cociñeira e a falta de incorporación da substituta ata o luns 23 obrigaron a modificar os menús os días 19 e 20 deste mes. No colexio de Nadela produciuse unha situación similar, coa alteración das comidas do xoves e o venres da semana pasada polo mesmo motivo.

Segundo os datos facilitados por Fapacel, son oito os centros da provincia que están a sufrir as consecuencias de non contar con cociñeiros ou auxiliares de cociña. A presidenta da federación, Isabel Calvete, advertiu de que esta situación non pode prolongarse durante varias xornadas nin converterse nunha forma habitual de funcionamento. O PSOE considera que a falta de previsión na cobertura das vacantes repercute directamente na alimentación dos escolares.

Os socialistas entenden que o problema evidencia unha falta de planificación nun servizo que debe contar cos recursos humanos e materiais necesarios. "Non se pode pretender que os comedores escolares funcionen con improvisacións. As familias teñen dereito a saber que os seus fillos e fillas reciben cada día unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada ás condicións que establece a propia Administración", sinalan.

"FALTA DE INICIATIVA"

Abelleira tamén criticou a falta de iniciativa do Goberno local ante unha problemática que afecta ás familias lucenses. Aínda que a responsabilidade da xestión directa dos comedores corresponde á Xunta de Galicia, o PSOE reclama que o Concello esixa solucións á Consellería e defenda os intereses dos centros e das familias do municipio.

Neste sentido, a voceira adxunta pide á Xunta que planifique adecuadamente os procesos de selección e contratación, cubra de inmediato as vacantes, adapte os cadros de persoal ao número de usuarios e incremente o financiamento para garantir unha alimentación de calidade. Tamén reclama que se informe as familias con transparencia sobre as incidencias.

A formación comparte ademais a preocupación de Fapacel pola insuficiencia dos cadros de persoal. A federación alerta de que hai centros con máis de cen comensais atendidos por un número insuficiente de traballadores e de que continúan sen cubrirse prazas de auxiliares de cociña. "A Administración sabe que as baixas, as xubilacións e as vacantes se producen. O que non é admisible é que non exista unha previsión para cubrir esas necesidades e que sexan os centros e as direccións dos colexios os que teñan que buscar solucións pola súa conta", engaden os socialistas.

O PSOE tamén pon o foco no financiamento do servizo. Fapacel estima que a achega de 2,79 euros por comensal e día resulta insuficiente para afrontar os custos actuais e garantir a calidade alimentaria esixida pola propia Administración. Por iso, reclama revisar os recursos destinados aos comedores e adecualos ao custo real dos alimentos e á prestación dun servizo con garantías.

"Os comedores escolares non son un simple recurso para facilitar a conciliación. Deben entenderse como unha garantía de igualdade de oportunidades. A alimentación dos nenos e nenas non pode depender de que haxa ou non persoal suficiente cada día, nin de solucións de última hora", conclúe o Grupo Municipal Socialista, que trasladou o seu apoio ás ANPAs e á comunidade educativa na defensa dun servizo público digno, seguro e de calidade.

0.12026500701904