O PSOE denuncia atrasos na Milagrosa, falta de investimento no Sagrado Corazón e recortes en Nadela

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, denunciou o que considera un deterioro progresivo da atención primaria na cidade e responsabilizou á Xunta da falta de investimento e planificación. O socialista puxo o foco na demora das obras do centro de saúde da Milagrosa, na dotación orzamentaria prevista para o futuro equipamento do Sagrado Corazón e na redución dos días de atención médica no consultorio de Nadela.
"A política levada a cabo polos gobernos de Feijóo e Rueda está a debilitar o noso sistema de atención primaria de forma grave", afirmou Fernández, que reclamou medidas para garantir unha atención sanitaria pública, próxima e de calidade.
Fernández lembrou que o centro de saúde da Milagrosa acumula máis de dous anos de demora respecto dos compromisos da Xunta, unha situación que afecta máis de 10.000 pacientes que tiveron que desprazarse a outras instalacións para recibir atención. Segundo sinalou, esta circunstancia prexudica especialmente as persoas maiores e aquelas con dificultades de mobilidade.
O portavoz socialista considera que a partida prevista nos orzamentos autonómicos para 2027 non permitirá recuperar o servizo nos prazos que precisa a veciñanza. Ademais, criticou que os usuarios continúen sen un calendario actualizado e verificable para coñecer a data de reapertura.
"A Xunta converteu o provisional en permanente. E o peor é que seguimos sen saber ata cando", asegurou. Por iso, reclamou ao Goberno autonómico que informe sobre o estado das obras, os problemas que condicionan a súa execución e a previsión para recuperar a actividade asistencial.
O segundo foco de preocupación do PSOE é o futuro centro de saúde do Sagrado Corazón. Fernández cualificou de insuficientes os 600.000 euros previstos pola Xunta para 2027 e considerou que esta cantidade non garante que o proxecto avance coa rapidez necesaria.
O socialista contrapuxo esa partida aos máis de 726.000 euros que, segundo lembrou, destinou o anterior Goberno municipal á expropiación dos terreos para facilitar a construción do equipamento sanitario.
"Nós destinamos máis cartos a conseguir os terreos dos que a Xunta reserva agora nun ano para impulsar o centro de saúde", afirmou Fernández, que pediu concretar os investimentos necesarios e os prazos para iniciar e completar a obra.
O portavoz tamén defendeu que a planificación da parcela teña en conta as necesidades futuras do Sagrado Corazón, As Gándaras e Paradai, nunha contorna que experimentará cambios coa chegada da estación intermodal e o desenvolvemento residencial. Ademais do centro sanitario, propuxo contemplar equipamentos como unha escola infantil, un centro de día e instalacións socioculturais.
Fernández instou tamén á alcaldesa, Elena Candia, a reclamar á Xunta os recursos necesarios. "Lugo necesita unha alcaldesa que defenda a cidade diante da Xunta, non que defenda a Xunta diante da veciñanza de Lugo", manifestou.
O terceiro asunto denunciado polo PSOE é a situación do consultorio de Nadela, que, segundo Fernández, pasou de ofrecer atención médica cinco días á semana a facelo só tres, con peches recorrentes e desprazamentos de pacientes a outros centros.
O portavoz asegurou que leva desde 2023 reclamando, xunto coa veciñanza, a recuperación dunha atención médica estable de luns a venres. Tamén criticou a falta dunha solución definitiva e acusou a alcaldesa de non defender suficientemente as demandas dos residentes.
Para Fernández, este caso evidencia que as necesidades da atención primaria non se resolven unicamente coa construción de novos edificios, senón que tamén requiren persoal, recursos e unha organización que garanta a continuidade asistencial.
O PSOE pide prazos e garantías para os tres centros
Miguel Fernández reclamou á Xunta un calendario público para a reapertura da Milagrosa, máis investimento e prazos concretos para construír o centro de saúde do Sagrado Corazón, unha planificación integral dos equipamentos da contorna e a recuperación da atención médica de luns a venres en Nadela.
O portavoz socialista vinculou estas demandas á necesidade de anticiparse ao crecemento da cidade e garantir os servizos públicos que precisa a cidadanía. Tamén advertiu do risco de que o futuro centro do Sagrado Corazón acumule atrasos similares aos da Milagrosa se non se adoptan medidas.
"Non queremos atoparnos dentro de tres anos diante dunha parcela baleira no Sagrado Corazón, preguntándonos por que a Xunta tampouco cumpriu alí. A Milagrosa xa leva demasiado tempo agardando. Non podemos permitir que o Sagrado Corazón siga o mesmo camiño", concluíu.