O PSOE denuncia o derrubamento de peches tradicionais en Santa María de Muxa e estuda accións legais

LugoXa
Jorge Bustos asegura que a actuación podería vulnerar a normativa autonómica de protección do patrimonio e afectar un camiño municipal. Os socialistas reclaman explicacións ao Goberno de Elena Candia e non descartan acudir aos tribunais
jorge-bustos-deportes-e-xuventude
16 Nov 2026

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos denunciou posibles irregularidades no derrubamento de varios peches tradicionais de leiras no núcleo de Santa María de Muxa. Segundo explicou, a intervención podería vulnerar a normativa autonómica de protección do patrimonio ao afectar elementos da arquitectura tradicional protexidos e, ademais, realizarse sobre un camiño de titularidade municipal.

Bustos cualificou os feitos de "moi graves" e avanzou que o PSOE está a estudar as posibles accións legais para reclamar a reposición da legalidade e a recuperación dos elementos afectados. O edil sostén que os traballos se realizaron co coñecemento da concelleira de Medio Rural, Flor Rubinos, e asegura que, segundo trasladaron os veciños, desde esta área se deron instrucións para desprazar os postes do alumeado público, que quedaron aproximadamente un metro dentro do camiño tras a intervención.

"Como pode soster agora o Goberno que descoñecía unha intervención destas características?", cuestionou Bustos, que tamén reclamou información sobre os permisos e autorizacións que puideron amparar os traballos. O socialista considera que o sucedido afecta tanto o patrimonio etnográfico como un espazo público e reclama que o Concello investigue as circunstancias nas que se produciron os derrubamentos.

O Grupo Municipal Socialista solicitará ao Executivo local toda a documentación relativa á actuación, incluídas as comunicacións cos veciños, as instrucións trasladadas desde a Concellería de Medio Rural e os posibles informes técnicos. Bustos tamén avanzou que interpelará o Goberno municipal e non descartou pedir unha comparecencia específica para aclarar o sucedido e determinar posibles responsabilidades.

"Se se confirma que se actuou contra a legalidade, esixiremos que se adopten as medidas necesarias para reparar o dano e restituír a situación", concluíu o concelleiro.

0.13432192802429