O PSOE denuncia que Lugo queda fóra dos investimentos de Augas de Galicia e reclama máis saneamento no rural

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Concello de Lugo non figura entre os beneficiarios dos convenios de investimento de Augas de Galicia publicados no DOG do pasado 28 de setembro e reclama á Xunta que incremente os recursos destinados ao municipio para mellorar as infraestruturas hidráulicas, especialmente no rural.
Os socialistas realizan esta denuncia despois de coñecer a resolución na que se dá publicidade aos convenios de colaboración asinados durante o segundo cuadrimestre de 2026. Na relación figuran actuacións de abastecemento, saneamento e depuración en diferentes concellos galegos, entre eles Viveiro e Friol, na provincia de Lugo, pero non aparece ningún convenio de investimento co Concello de Lugo. Por exemplo, Augas de Galicia achega preto de 500.000 euros para unha actuación de abastecemento na parroquia de Seixón, en Friol.
“Concellos como Poio, Baiona ou Salvaterra do Miño levan investimentos que suman un importe próximo aos 7,5 millóns de euros, mentres Lugo queda de novo fóra. É intolerable. O PP di unha cousa á veciñanza e por detrás fai a contraria”, sinala o edil socialista Jorge Bustos.
Para o PSOE, esta situación evidencia, ao seu xuízo, unha falta de atención a Lugo no reparto dos investimentos vinculados ao ciclo da auga. “Non estamos falando de pedir un trato de favor para Lugo, senón de reclamar que unha cidade que contribúe de maneira continuada mediante o Canon da Auga vexa tamén investimentos que permitan resolver as súas necesidades”, sosteñen os socialistas.
O Canon da Auga é un tributo propio da Xunta con natureza de imposto e destinado á protección ambiental e ao financiamento das infraestruturas hidráulicas previstas nos instrumentos de planificación hidrolóxica. Entre os destinos da súa recadación figuran a prevención da contaminación, o cumprimento dos obxectivos ambientais e o investimento, explotación e xestión de infraestruturas hidráulicas.
“Non estamos pedindo que cada euro recadado en Lugo teña que volver automaticamente a Lugo. O que reclamamos é que, despois de tantos anos contribuíndo a través deste imposto, Lugo debe formar parte das prioridades de investimento de Augas de Galicia e debe recibir os recursos necesarios para atender as súas necesidades”, explican.
Neste sentido, o PSOE considera especialmente necesario destinar recursos á ampliación da rede de saneamento no rural lucense. O municipio conta con 54 parroquias e, segundo os socialistas, existen núcleos nos que a extensión das redes continúa sendo unha demanda veciñal pendente.
“Se durante todos estes anos unha parte dos recursos recadados en Lugo se destinase a ampliar progresivamente a rede de saneamento das nosas parroquias, hoxe teriamos unha cobertura moito maior. Esa é a cuestión: estamos perdendo oportunidades para mellorar a vida dos veciños e veciñas do rural”, sinala Bustos.
Os socialistas cuestionan tamén os criterios empregados por Augas de Galicia para distribuír os investimentos, ao considerar que a relación de convenios publicada no DOG pon de manifesto diferenzas entre os municipios beneficiarios. “O Goberno galego ten que explicar con claridade cales son os criterios polos que decide onde inviste e onde non”, afirma Bustos.
O PSOE reclama ademais unha posición máis reivindicativa por parte do Goberno de Elena Candia e considera que o Concello debe reclamar activamente á Xunta os recursos necesarios para Lugo. “Non entendemos que a alcaldesa permaneza calada mentres Lugo queda fóra dos investimentos. A súa obriga é defender os intereses dos lucenses e reclamar á Xunta os recursos que corresponden ás necesidades da cidade”, sinalan desde o Grupo Municipal.
Os socialistas poñen o foco especialmente nas parroquias do rural, onde consideran que a ampliación do saneamento debería converterse nunha prioridade. “Non se pode anunciar continuamente que se van facer actuacións nas parroquias se despois a Xunta non achega os recursos necesarios para executalas. É inconcebible ampliar a nosa rede sen que o Goberno autonómico asuma as súas competencias”, denuncian.
O PSOE reclama así que Concello e Xunta establezan un plan plurianual de investimentos en abastecemento e saneamento para Lugo, con prioridades definidas, calendario e financiamento. “O rural non pode seguir esperando. Hai necesidades perfectamente identificadas e hai un imposto que ten entre os seus destinos legais o financiamento de infraestruturas do ciclo da auga”, lembran.
“Lugo leva anos contribuíndo. Agora toca que a Xunta tamén invista en Lugo. O Canon da Auga debe traducirse en mellores infraestruturas, máis saneamento e máis calidade de vida para os veciños e veciñas”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.