PSOE e BNG piden a dimisión do concelleiro do PP de Guntín que foi condenado por explotación laboral

LugoXa
Afirman que "as súas accións resultan absolutamente incompatibles co exercicio de calquera cargo público"
Granxa
19 sep 2024

O Partido Socialista da Provincia de Lugo manifesta a súa profunda preocupación ante a grave situación revelada recentemente, na cal un concelleiro do Partido Popular en Guntín foi condenado por un caso de explotación laboral no sector gandeiro. O PSdeG-PSOE esixe a dimisión inmediata deste concelleiro, dado que as súas accións resultan absolutamente incompatibles co exercicio de calquera cargo público.

A sentenza “confirma a responsabilidade deste edil e dos seus socios por explotación de traballadores, nunha práctica inadmisible que atenta contra a dignidade e os dereitos fundamentais das persoas traballadoras. É intolerable que alguén con antecedentes tan graves siga ocupando un posto de responsabilidade política, e por iso demandamos ao Partido Popular que actúe con contundencia e coherencia, cesando de inmediato a este concelleiro e asumindo responsabilidades ante este caso que prexudica non só a imaxe da política local, senón a confianza da cidadanía nas institucións”, afirman.

“Esiximos explicacións públicas ao Partido Popular, tanto a nivel provincial como autonómico, a actual Conselleira de Medio Rural, María José Goméz e Elena Candia, deben explican por que o manteñen no cargo”. Insisten os socialistas que os feitos acontecidos foron anteriores á elección deste concelleiro para ir na lista xunto a María José Gómez, “ela xa sabía destes graves feitos”.

“Non podemos permitir que prácticas ilegais como a explotación laboral sexan toleradas, moito menos por parte de cargos públicos que deberían ser exemplo de cumprimento estrito da legalidade e de defensa dos dereitos laborais”, aseguran dende o PSdeG-PSOE.

Así mesmo, din que é preciso que os populares esclarezan que medidas van tomar, ao tempo que explican que “non se pode seguir mirando para outro lado ante este tipo de situacións que representan un claro ataque aos principios de igualdade e xustiza social”.

O PSdeG-PSOE da provincia de Lugo reafirma o seu compromiso coa loita contra a explotación laboral e a defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras, demandando sempre un comportamento ético e responsable por parte de todas as persoas que ocupan cargos públicos.

BNG

O BNG esixelle ao PP a expulsión inmediata do nº 5 da súa candidatura nas eleccións municipais pasadas. "A alcaldesa saínte, actual conselleira do Medio Rural terá que dar explicacións xa que foi ela quen o elixiu para formar parte da candidatura e os feitos polos que foi xulgado foron anteriores á súa elección" dixo o responsable do BNG. O gandeiro xulgado foi concelleiro electo do PP en Guntín nas pasadas eleccións e participada presuntamente, con outras dúas persoas, na explotación de seres humanos.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, un dos traballadores comenzou na explotación o día 12 de outubro do 2018, de forma irregular. Percibía un salario mensual de 700 euros, dos que lle descontaban 50 euros polo aloxamento que lles era ofrecido nun anexo da explotación. O outro empregado, en idénticas condicións laborais, comenzou a traballar o 1 de marzo do 2020 e compartía aloxamento co seu compañeiro. O BNG pide que politicamente se esclarezan os feitos.

0.22426605224609