O PSOE pide recuperar o plan de vivenda de Miguel Fernández para conter os alugueiros en Lugo

LugoXa
Ana González Abelleira reclama a Elena Candia que reactive as medidas para mobilizar pisos baleiros, ampliar a vivenda protexida e facilitar o acceso dos mozos e das familias ao mercado residencial
Plan-municipal-de-vivenda-Lugo-PSOE
9 Oct 2026

O PSOE de Lugo reclama ao Goberno municipal de Elena Candia que poña en marcha o Plan Municipal de Vivenda elaborado durante o mandato socialista de Miguel Fernández. A portavoz adxunta do grupo municipal, Ana González Abelleira, considera que o documento permitiría actuar sobre o encarecemento dos alugueiros e ampliar as opcións residenciais para mozos, familias e persoas con rendas medias.

A edil critica que a proposta permaneza paralizada desde a moción de censura que cambiou o Goberno local e sostén que o Concello dispón de competencias para intervir na situación. Segundo explica, o plan foi elaborado en coordinación co daquela director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez, e Evislusa, e xa recollía medidas concretas para aumentar a oferta de vivenda a prezos accesibles.

Entre as actuacións previstas figura a mobilización de inmobles baleiros, o impulso da vivenda protexida e a rehabilitación de edificios para incorporalos ao mercado do alugueiro. O documento tamén propón reservar o 40 % do novo solo residencial para vivenda protexida e facilitar o acceso á vivenda ás persoas menores de 35 anos.

Outra das medidas pasa pola creación dun servizo municipal de intermediación entre propietarios e inquilinos. A iniciativa busca ofrecer garantías aos donos dos inmobles para incentivar que os poñan en alugueiro, ao tempo que se establecen condicións que favorezan prezos accesibles. O plan inclúe, ademais, incentivos fiscais para quen incorpore vivendas baleiras ao mercado e axudas para rehabilitar inmobles que poidan destinarse ao alugueiro.

González Abelleira cifra en arredor de 10.000 as vivendas baleiras existentes en Lugo e acusa o Goberno local de perder cinco meses ao non continuar coa proposta socialista. A concelleira defende que recuperar estes inmobles permitiría aumentar a oferta residencial sen depender unicamente da construción de novas promocións.

O PSOE tamén aposta por actuar sobre os usos turísticos das vivendas cando reduzan a dispoñibilidade de pisos para residencia habitual. Neste ámbito, reclama utilizar as ferramentas municipais, incluída a fiscalidade, para favorecer o alugueiro accesible e evitar que a oferta residencial se vexa limitada.

González Abelleira insiste en que a resposta á crise da vivenda debe combinar a construción de novos inmobles coa rehabilitación, a mobilización dos pisos baleiros, a ampliación do parque protexido e medidas que dean seguridade aos propietarios. A portavoz socialista insta así a Candia a decidir se o Goberno municipal prioriza as necesidades das persoas que buscan unha vivenda ou os intereses especulativos, unha crítica coa que reclama a aplicación inmediata do plan.

0.15926289558411