O PSOE provincial critica ao PP por non apoiar unha declaración a favor de Alcoa

TerraChaXa | LugoXa
O equipo de goberno da Deputación, por iniciativa do presidente socialista, José Tomé, propuxo ao grupo provincial do PP nunha Xunta de Voceiros o consenso e aprobación dunha Declaración Institucional asinada polos tres grupos políticos da corporación en apoio, solidariedade e compromiso cos traballadores e traballadoras da central térmica de Endesa nas Pontes e de Alcoa en San Cibrao e reclamar ás Administracións que teñen as competencias en Industria –o Ministerio de Industria e Consellería de Industria da Xunta de Galicia- unha iniciativa conxunta de reactivación económica a través dun plan industrial que favoreza o reequilibrio territorial.
14 Out 2019

O equipo de goberno da Deputación, por iniciativa do presidente socialista, José Tomé, propuxo ao grupo provincial do PP nunha Xunta de Voceiros o consenso e aprobación dunha Declaración Institucional asinada polos tres grupos políticos da corporación en apoio, solidariedade e compromiso cos traballadores e traballadoras da central térmica de Endesa nas Pontes e de Alcoa en San Cibrao e reclamar ás Administracións que teñen as competencias en Industria –o Ministerio de Industria e Consellería de Industria da Xunta de Galicia- unha iniciativa conxunta de reactivación económica a través dun plan industrial que favoreza o reequilibrio territorial. A voceira do PP mostrouse na Xunta de Voceiros reticente á proposta.

Segundo o PSOE, nin sequera se interesou por coñecer o texto elaborado polo Goberno. Varias horas despois da xuntanza comunicou que rexeitaba unha declaración de consenso, o que demostra unha vez máis que o Partido Popular actúa neste asunto como fixo desde un principio por intereses exclusivamente electoralistas e para tratar de salvarlle a cara á Xunta de Galicia, que nestes 10 anos de goberno do PP nin sequera perfilou unha estratexia de pulo industrial, segundo os socialistas. De feito, o Índice de Produción Industrial (IPI) está a caer en Galicia por debaixo do conxunto de España, acumulando a segunda maior caída entre comunidades no que vai de 2019, cun retroceso do 6,2%, a pesar de que os grandes grupos industriais si están a medrar.

“A emerxencia industrial que está a vivir Galicia é un reto de país e polo tanto, como sempre dixemos, cremos que o debemos afrontar todos unidos, as institucións e a sociedade. Temos que ir todos a unha e fuxir de xogos partidistas”, subliñou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, motivo polo que dende o Goberno da Deputación se decidiu presentar unha Declaración Institucional, que ía na liña da que xa apoiaron hai uns días os concellos das Pontes, Ferrol, Pontedeume, Neda, Mugardos, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, A Capela, As Somozas, San Sadurniño, Fene, Cariño,  Valdoviño, Moeche, Cabanas, Ares, Narón, Miño, Monfero, Mañón, Muras, Xermade, Vilalba e Viveiro, integrados nas comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal, Terra Chá e A Mariña.

Pola súa banda, o voceiro provincial do BNG, Efrén Castro, abundou que, “se entramos ao debate de fondo podería haber propostas diferentes, pero cremos que neste momento unha declaración partidista desde a Deputación só é facer electoralismo porque non aporta outra cousa que confusión e división. É un debate de país que se debe abordar con seriedade, e cremos que era bo chegar a un acordo”.

O PP rexeitou a Declaración Institucional plantexada polo Goberno provincial de PSdeG e BNG, que considera que este tería sido un bo momento para amosar a unidade da Deputación en apoio das empresas e dos traballadores, poñendo os intereses xerais por riba dos de partido. Por iso, o Executivo continuará defendendo que é imprescindible a unidade na acción das institucións e no conxunto da sociedade galega para reivindicar o mantemento dos postos de traballo, unha transición ecolóxica suave e progresiva, e a reactivación industrial.

0.098508834838867