O PSOE provincial levará ao Pleno a negativa a pechar o colexio de Baamonde

TerraChaXa | LugoXa
O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno Ordinario, que terá lugar o 29 de decembro, unha moción na que rexeita a decisión unilateral do Concello de Begonte de pechar o colexio público de Baamonde, unha medida que ten motivado as protestas dos pais e nais do alumnado do CEIP “pola falta de diálogo e vontade do Alcalde”.
mercadodeveran
22 Dec 2020

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno Ordinario, que terá lugar o 29 de decembro, unha moción na que rexeita a decisión unilateral do Concello de Begonte de pechar o colexio público de Baamonde, unha medida que ten motivado as protestas dos pais e nais do alumnado do CEIP “pola falta de diálogo e vontade do Alcalde”.

Así mesmo, na iniciativa plenaria, o PSdeG pide explicacións sobre a intención anunciada polo rexedor de utilizar as instalacións do centro para un Conservatorio Profesional de Música. “Os socialistas imos defender sempre o ensino artístico e a mellora da oferta educativa no rural. Pero precisamente por iso rexeitamos unha actitude unilateral que fai depender a creación dun servizo do desmantelamento doutro”, aseguran os socialistas.

“Resulta difícil comprender o interese do goberno local por pechar un centro que dá servizo a unha trintena de alumnos e que conta cunha dispoñibilidade de espazo e unha ratio profesor alumno especialmente adecuado no actual contexto sociosanitario”, subliñan os socialistas, e cando “a propia Consellería de Educación consultada polos pais, xa manifestou que non estaba a estudar o peche da escola, que a iniciativa correspondía ó goberno local”.

Na moción, o Grupo Socialista pide á Xunta que se reúna en xaneiro cos pais e nais do alumnado dos dous colexios do concello para avaliar as condicións en que quedaría escolarizados os nenos e nenas en caso de proceder ao peche do centro de Baamonde, e para consensuar as medidas necesarias para garantir a máxima calidade do servizo educativo, sen que se produza ningunha perda con respecto á situación actual.

En caso de efectuarse cambios, os socialistas piden un cronograma que contemple o desenvolvemento dos mesmos, facendo coincidir calquera modificación do mapa educativo actual co período de vacacións estivais; dando tempo ás familias a planificar os cambios precisos e garantindo a plena prestación de servizos educativos, de comedor ou transporte dende o primeiro día dun novo curso.

O PSdeG solicita ao Goberno galego que aclare se o Concello de Begonte ten solicitado formalmente a creación dun Conservatorio Profesional de Música, ben de titularidade municipal ou de titularidade autonómica e, se o extremo anterior é certo, se presente un estudo técnico que garanta que o edificio do colexio de Baamonde cumpre as condicións adecuadas para acoller o devandito conservatorio de música, de acordo co artigo 6 do Real Decreto 303/2010 de 15 de marzo.

Tamén cumpre que o Concello explique dun xeito pormenorizado o proxecto de conservatorio que xustificaría esta decisión, pois a creación dun conservatorio profesional de música require múltiples xestións e procedementos previos.

0.1196608543396