A veciñanza da Milagrosa reclama acelerar as obras do centro de saúde e recuperar a atención no barrio

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa concentrouse este mércores diante do centro de saúde da rúa Río Ser para denunciar o atraso das obras desta infraestrutura sanitaria e reclamar explicacións sobre a súa evolución. A mobilización, protagonizada por membros da directiva da entidade, tivo como obxectivo visibilizar o malestar existente no barrio polo que consideran un avance moi lento dos traballos.
Desde a asociación lembran que o centro permanece pechado desde xuño de 2024, unha situación que obrigou a máis de 10.000 pacientes a desprazarse ao Centro de Saúde da Residencia para recibir atención sanitaria. Segundo indican, unha solución que foi presentada como provisional prolongouse durante máis de dous anos sen que existan explicacións claras nin un calendario definido para a reapertura.
A entidade veciñal asegura que o estado actual da obra evidencia un avance mínimo e considera que os traballos están moi lonxe dos prazos comprometidos pola Xunta de Galicia. Por iso, reclama explicacións públicas sobre o atraso acumulado, un calendario actualizado e verificable, medidas urxentes para acelerar a execución da actuación e garantías de que os pacientes desprazados poderán recuperar o seu centro de saúde no menor prazo posible.
Os representantes da asociación tamén defenderon que a Milagrosa é un dos barrios máis poboados de Lugo e que non pode ser tratada como unha cidadanía de segunda no acceso a un servizo esencial como a sanidade pública. Ademais, difundiron imaxes do estado actual das obras para documentar a situación e o malestar existente entre a veciñanza.
A esta reivindicación sumouse o Grupo Municipal Socialista. A concelleira Ana González Abelleira advertiu de que a prolongación do peche está a incrementar a presión sobre a Atención Primaria e a afectar á calidade asistencial de milleiros de persoas. A edil reclamou á Xunta información clara sobre o estado real da actuación, os prazos previstos e a organización futura da asistencia sanitaria na zona.
González Abelleira lembrou que o PSOE xa solicitara hai dous meses un calendario actualizado e verificable das obras e criticou que, segundo asegura, aínda non existan datas concretas nin explicacións detalladas sobre a súa evolución. A concelleira insistiu en que os veciños teñen dereito a coñecer cando recuperarán plenamente o seu centro de saúde e reclamou maior transparencia por parte do Goberno galego.