O PSOE reclama concretar os servizos de seguridade, igualdade e conciliación do San Froilán

LugoXa
Ana González Abelleira e Jorge Bustos trasladaron as súas dúbidas na Comisión de Festas a poucos días do inicio das patronais
Xunta-Local-Seguridade-San-froilán-2025
Xunta local de seguridade das Festas do San Froilán 2025
28 Sep 2026

O Grupo Municipal Socialista de Lugo reclamou ao Goberno local que concrete os dispositivos e servizos sociais, de seguridade, igualdade, conciliación e inclusión previstos para o San Froilán, a poucos días do inicio das festas. As concelleiras Ana González Abelleira e Jorge Bustos trasladaron estas cuestións na Comisión de Festas celebrada este luns, na que, segundo os socialistas, varios asuntos quedaron sen resposta ou pendentes de concretar.

O PSOE sinala que estes recursos cobran especial importancia nunhas festas que congregarán durante varios días a milleiros de persoas no centro da cidade e no recinto feiral. Neste sentido, cuestiona que aínda non estean concretadas cuestións como a localización da caseta de lactación ou determinados dispositivos de Protección Civil.

O programa oficial do San Froilán xa recolle recursos como o Punto Violeta, que estará operativo os días 4, 5, 9, 10 e 11 de outubro, con horarios que se prolongarán ata as 3:00 ou as 4:00 horas segundo a xornada. Os socialistas reclaman, con todo, ampliar a súa cobertura e reforzar a atención itinerante durante as noites.

O PSOE pide reforzar o Punto Violeta

Ana González Abelleira considera que o dispositivo contra as violencias machistas debe estar dispoñible tamén durante as franxas de maior saída das festas e dos locais de ocio. Por iso, o Grupo Socialista propón complementar o punto fixo con presenza itinerante nos diferentes espazos nos que se concentra a actividade nocturna.

"Non chega con instalar un punto e sinalalo nun mapa. Temos que pensar en como se move a xente durante a noite e garantir que os recursos de prevención e atención estean dispoñibles cando e onde poden facer falta", sinalou González Abelleira.

O dispositivo contará tamén con taxis que actuarán como puntos violeta móbiles, segundo a información publicada polo Concello. Ademais, a contratación do servizo contempla actuacións itinerantes de información e sensibilización polas zonas de celebración e ocio nocturno.

Dúbidas sobre a caseta de lactación e o Día da Infancia

Outro dos asuntos sinalados polos socialistas é a situación da caseta de lactación do recinto feiral. González Abelleira lembra que se trata dun recurso que, segundo o PSOE, leva anos funcionando durante as festas e reclama que se concrete a súa localización e funcionamento para esta edición.

O grupo tamén pregunta polo Día da Infancia e pola colaboración cos feirantes para aplicar prezos reducidos nas atraccións. Os socialistas queren saber se continuará a colaboración con entidades sociais para facilitar entradas ás familias en situación de vulnerabilidade, unha fórmula empregada en anteriores edicións.

Finalmente, o PSOE reclama máis información sobre a participación das entidades especializadas nos dispositivos de inclusión e accesibilidade. Entre as medidas previstas figura a denominada hora sen ruído, pero os socialistas consideran necesario coñecer como se articulará a colaboración co tecido asociativo.

"Quedan poucos días. Non estamos pedindo novos grandes anuncios nin máis actuacións. Estamos pedindo que cuestións básicas que afectan á seguridade, á igualdade, á conciliación e á inclusión estean pechadas, coordinadas e explicadas á cidadanía antes de que comecen as festas", concluíu González Abelleira.

0.1522970199585