O PSOE reclama na Xunta atención ao centro de menores de Rábade

TerraChaXa | LugoXa
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á conselleira de Política Social que visite o Centro de Menores Santo Anxo de Rábade para analizar in situ a alta conflitividade.
A BAROSA 2
24 Dec 2020

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á conselleira de Política Social que visite o Centro de Menores Santo Anxo de Rábade para analizar in situ a alta conflitividade. Ortega presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento, onde sinalou que “hai que pisar terreo para gañar coñecemento”, e reclamoulle ao goberno galego que reformule o modelo de xestión do centro.

A responsable socialista sinala que “dende a administración é urxente afondar na cuestión e ver dende dentro que está a acontecer para así actuar coa máxima eficiencia e responsabilidade”. Instou á Consellería a que “estableza un diálogo de proximidade co propio equipo do centro para coñecer que está a fallar e saber unha diagnose clara para efectuar a xestión oportuna”.

Reclamoulle á Xunta que revise o modelo de xestión do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade –Lugo-, debido á elevada conflitividade rexistrada cos menores ingresados no que unha vez foi un dos centros de referencia de toda Galicia e exemplo na praxe e de xestión. Agora padece unha situación de “descontrol absoluto” ata o punto de “comprometer a integridade física do persoal con agresións directas”.

Ortega puntualizou que “o problema non é de persoal nin de recursos materiais, senón máis ben do propio modelo de xestión por parte da administración e da ausencia de coñecemento dos sector que se require para elo”. Explica que “a inversión e os recursos son produtivos sempre e cando se establezan mediante un plan coordinado de acción, e sobre todo de coñecemento”.

O centro conta actualmente con 21 educadores, un director, unha subdirectora, conserxe, 2 vixilantes nocturnos e 4 gardas de seguridade externos para 9 menores, ademais dun investimento previsto de máis dun millón de euros xa aprobado para melloras no acondicionamento e estrutura no propio centro.

Apunta que “é posible que a resposta sexa a actual eventualidade dun persoal que precisa dun arraigo conformado a medio e longo prazo cos menores para afianzar afecto”, xa que actualmente só hai dous traballadores fixos dunha plantilla de 21 educadores e educadoras. Sinala que “menores que ingresan no centro con apenas problemas de conduta, inician progresivamente unha escalada de conflitos de conduta que deriva no deterioro da inserción e do benestar do menor”.

Reclámalle así á Xunta que “ofreza unha garantía de estabilidade a un persoal que se ocupará de blindar o benestar e guiar o camiño duns nenos e nenas que nacen a priori cun estigma que os marca e que debemos borrar”. O obxectivo final, dixo, debe ser sempre o “interese superior do menor”, que merece a atención dunha sociedade que está “en condicións de ofrecer unha verdadeira igualdade de oportunidades”.

0.18239903450012