O PSOE reivindica o "control real e efectivo" da xestión municipal en Lugo avalado polo Consello de Contas

O Grupo Municipal Socialista de Lugo reivindicou os resultados do informe publicado polo Consello de Contas sobre as obrigas de remisión de información e o funcionamento dos sistemas de control interno das entidades locais galegas, un documento que sitúa ao Concello de Lugo no nivel alto de madurez do control interno durante os exercicios 2021, 2022 e 2023.
Segundo os datos recollidos polo organismo fiscalizador, o Concello lucense contaba durante ese período con ferramentas de control financeiro, sistemas de fiscalización previa e auditorías, obtendo a máxima cualificación establecida polo Consello de Contas. Ademais, só 26 dos 259 concellos galegos avaliados alcanzaron esta categoría.
Os socialistas subliñan que o informe tamén constata o cumprimento das obrigas de remisión de información en materias como contratación, convenios e control interno, destacando especialmente que esta última documentación foi presentada dentro dos prazos establecidos.
A formación considera que as conclusións do organismo independente acreditan a existencia dun sistema de supervisión eficaz da xestión dos recursos públicos e lembra que o propio Consello de Contas sinala que a existencia de reparos de Intervención non implica necesariamente unha mala xestión, senón que pode ser unha mostra do correcto funcionamento dos mecanismos de control.
Xunto a estes datos, o PSOE relaciona os resultados do informe coa liquidación do orzamento municipal de 2025, último exercicio completo do anterior goberno local. Segundo indican, o peche das contas deixou un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros, un remanente de tesourería superior aos 23,3 millóns e unha débeda equivalente ao 17,98 % dos ingresos correntes axustados.
Os socialistas tamén destacan que o orzamento municipal de 2026 elaborado polo anterior executivo incluía preto de 19,4 millóns de euros destinados a investimentos e transferencias de capital para actuacións en infraestruturas, abastecemento, saneamento, espazos públicos, servizos sociais, instalacións municipais e polígonos industriais.
Desde o PSOE sosteñen que estes datos contradín as críticas realizadas polo actual goberno municipal e os argumentos empregados para xustificar a moción de censura que provocou o cambio de executivo local. A formación asegura que os informes técnicos, a situación económica do Concello e a planificación orzamentaria amosan unha administración con capacidade financeira e proxectos preparados para a súa execución.
Estas valoracións foron trasladadas pola portavoz municipal socialista, Ana González Abelleira, que defendeu a xestión realizada durante a anterior etapa de goberno e asegurou que os datos do Consello de Contas e da Intervención municipal avalan a existencia dun control efectivo dos recursos públicos e dunha situación económica saneada.