O Punto Violeta amplía o seu horario e duplica recursos durante o San Froilán 2026

O Concello de Lugo reforzará este ano o servizo do Punto Violeta durante as festas do San Froilán 2026, cunha ampliación do horario e o dobre de recursos destinados á atención durante as principais xornadas das festas.
O dispositivo contará cun punto fixo na Praza Fernando de Casa Novoa, ao fondo da Praza Maior, onde permanecerán de forma permanente un mínimo de dous profesionais especializados. Entre o persoal haberá profesionais da psicoloxía e do traballo social, encargados de ofrecer información e atención ante posibles agresións sexistas, así como de garantir a intimidade, protección e confidencialidade das persoas atendidas.
Ademais, o servizo contará cun equipo itinerante debidamente identificado que se desprazará polos diferentes espazos nos que se desenvolvan as festas e polas zonas de ocio nocturno. Este dispositivo, que xa se empregou durante o Arde Lucus, permitirá achegar a atención ás persoas que poidan necesitar este recurso.
O Punto Violeta estará operativo os días 4, 9, 10 e 11 de outubro, de 21:00 a 04:00 horas. O domingo 5 de outubro funcionará de 21:00 a 03:00 horas.