O que queda de verán chega a Lugo nunha nova edición

LugoXa
Presentada unha nova edición de O que queda de verán, que este ano contará con catro espectáculos nas tardes dos mércores.
maite ferreiro lugo
17 Ago 2021

Presentada unha nova edición de O que queda de verán, que este ano contará con catro espectáculos nas tardes dos mércores entre o 18 de agosto e o 8 de setembro.

A nova edición de O que queda de verán achegará espectáculos de circo, teatro e música para público familiar nas tardes dos mércores a partir das 18.30. A entrada será gratuíta ata completar a cabida.

A área de Cultura complementa coa nova edición de O que queda de Verán a programación cultural do verán. Este xoves terá lugar o último espectáculo do ciclo Tarde e Tardiña na Canella do Hospital, cunha actividade para público familiar e un recital de poesía. Ademais, durante os domingos continúa a celebrarse na praza Maior a Mostra de Vellos Oficios Artesáns, que trae cada día a dous artesáns para facilitar o coñecemento dos oficios a través da vivencia en directo e do facer das e dos artesáns. A área de Cultura completa a programación cultural nestes días co Muralleando, con concertos de grupos locais nas tardes dos venres e sábados na praza da Soidade.

Programación O que queda de verán 2021

No día de mañá, mércores 18 de agosto, será o turno de Bergamotto Show. Bergamotto camiña na procura de novas amizades. Humor, fantasía e xogo mestúranse para tocar todos os matices da felicidade - o sorriso, o suspiro, a énfase, a espera, o estupor e a tenrura - e chegar a un público de todas as idades. Espectáculo baseado no humor branco e a improvisación constante coas espectadoras e espectadores.

O mércores 25 de agosto será o turno de Natalia Pajarito "Isolada", un espectáculo de clown con poesía que volta á esencia da pallasa, da pallasa como concepto e tamén da pallasa como actriz, dándolle un contexto contemporáneo e onírico.

A chegada dunha pallasa a unha illa, onde sobrevivir é naufragar, e o fracaso unha forma de existir. Unha aventura chea de ilusión, xogo, imaxes. Todo cambia a cada instante, porque con todo se pode xogar, co presente, coa realidade que se vive. A soidade, a ensoñación dun cabaré bailado cun carretillo feito persoa, a aparición dun nativo co que compartir un futuro quizais non desexado. Contradicións eternas do ser humano, instintos básicos, a risa e a poesía como fío entrelazador de historias.

Patty Diphusa será a artista de circo galega que levará a cabo o seu espectáculo o mércores 1 de setembro. Malala Ricoy é unha nova artista de circo galega que logo dun tempo formándose e xirando por diferentes lugares volve cunha interesante proposta. Superharte é un show onde esta pequena gran "Hartista" intenta, literalmente, chegar ao máis alto, utilizando para iso todas as habilidades ao seu alcance: bailando, trepando, inchando globos e incluso meténdose dentro deles.

Armada cun humor moi pícaro e moitas ganas de pasalo ben, Patty chega disposta a conquistar os corazóns do público.

Para finalizar, o mércores 8 de setembro chega Jam co espectáculo Le petit té tre ambulant. Inspirado nos teatros ambulantes da época do Renacemento, onde as comediantes facían as súas representacións en pequenas poboacións de circuítos rurais a onde se desprazaban camiñando ou en carruaxes, JAM crea Le Petit Théâtre Ambulant. Un espazo teatral itinerante que realiza unha parada para poder achegar a todas as persoas algúns dos mellores números da compañía JAM. Trátase de números curtos que veñen das artes da rúa e do clown clásico.

A través do humor xestual e da poesía, JAM adéntranos no seu singular universo, que xira en torno á imaxinación, a risa e as emocións, dando a todas as persoas a posibilidade de achegarse á cultura sen a necesidade dun espazo físico concreto.

0.20244407653809