O quinteto de música de cámara Dianto Reed Quintet ofreceu unha charla concerto en Lugo
O quinteto de música de cámara Dianto Reed Quintet ofreceu unha charla concerto no Conservatorio de Música de Lugo para compartir coa comunidade educativa do centro a súa experiencia profesional, pautas sobre o proceso creativo ou proxectos de futuro, entre outros aspectos.
O grupo está composto por cinco músicos españois de cañas, entre os que figuran, ao fagot, a lucense María Losada, que iniciou os seus estudos no Conservatorio lucense. Está acompañada por María González (oboe), Ovidi Martí (saxofón), Erik Steven Rojas (clarinete baixo) e María Luisa Olmos (clarinete).
Residen en Ámsterdam, onde coincidiron cursando un máster, teñen actuado en prestixiosas salas de toda Europa e recibiron xa numerosos premios, entre eles o recente premio nacional ‘Ensemble Emergente FestClásica 2024’.
A charla concerto forma parte do programa ‘Reencontros’, que promove o CMUS Xoán Montes para poñer en valor aos antigos alumnos e alumnas do centro que, na actualidade, fixeron da música a súa profesión.
Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, puxo en valor o traballo do Conservatorio de Lugo, que pertence á Rede de Conservatorios de Música e Danza da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e que a día de hoxe ofrece dezanove especialidades instrumentais que abranguen todas as que conforman de maneira ordinaria o cadro instrumental de agrupacións como a banda ou a orquestra, ademais doutras como o acordeón, o canto, a gaita ou o piano, así como actividades complementarias e extraescolares.