O RadioVisual do Patrimonio fixo parada en Castro de Rei cunha xornada centrada na mocidade e na cultura galega

A Casa da Cultura de Ribeiras de Lea acolleu este mércores unha nova edición de O RadioVisual do Patrimonio, unha iniciativa de dinamización cultural que reuniu alumnado, docentes, músicos e veciñanza arredor da música, a palabra e a creación audiovisual. O evento converteuse na quinta parada deste proxecto itinerante, que xa percorreu concellos como Cea, Muros e Ribeira de Piquín antes da súa chegada a Castro de Rei.
A actividade contou co protagonismo do alumnado e profesorado do CEIP Veleiro-Docampo, que preparou diversos contidos para esta emisión especial realizada en directo diante da Casa da Cultura. O programa estivo conducido polo xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira e puido seguirse en directo a través das plataformas dixitais do proxecto e da asociación Ponte... nas Ondas!.
Durante a xornada, as nenas e nenos do centro educativo recrearon unha entrevista imaxinaria co escritor Xabier P. Docampo, lembrando a súa infancia en Ribeiras de Lea e reivindicando a importancia da tradición oral como patrimonio cultural. “Con el e coa súa obra aprendemos que os contos da nosa tradición oral son un legado importante do que podemos gozar”, destacaron durante a intervención.
Outro dos protagonistas foi o escritor, músico e docente Lois Pérez Díaz, mestre no propio CEIP Veleiro-Docampo, quen compartiu lembranzas familiares vinculadas á comarca da Terra Chá e ofreceu ao público varios poemas musicados.
O alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, participou tamén no encontro respondendo ás preguntas formuladas polo alumnado sobre os retos e necesidades do municipio. Do mesmo xeito, o gandeiro Paulino Méndez conversou coa rapazada sobre a evolución do sector agrogandeiro ao longo das últimas décadas.
A música tivo un papel destacado coa actuación do grupo Pärbo, integrado por Begoña Riobó e Anxo Pintos. A formación ofreceu unha mostra do seu repertorio baseado na fusión da música tradicional galega con elementos contemporáneos, utilizando instrumentos como o violín, a arpa céltica, a zanfona e a voz. Ademais da actuación musical, os integrantes do grupo participaron tamén nun coloquio co alumnado, no que puxeron en valor a riqueza das tradicións orais da provincia de Lugo.
O RadioVisual do Patrimonio é unha iniciativa impulsada por Casa de Tolos e Ponte... nas Ondas! ao abeiro do programa Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais. O proxecto busca conectar territorio, mocidade e comunidade a través de eventos participativos ao longo das rutas xacobeas.
A próxima parada desta iniciativa cultural será en Quiroga, dentro dunha programación que pretende achegar o patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións e reforzar a identidade cultural galega.
A asociación Ponte... nas Ondas! leva máis de tres décadas traballando na divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués mediante proxectos educativos e culturais nos que participaron milleiros de estudantes de Galicia e Portugal. En 2022, a entidade foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas no ámbito do Patrimonio Cultural Inmaterial.