O recuncho das argalladas colabora nunha web de xogos tradicionais para a cuarentena
Continúan as propostas desde os distintos ámbitos da sociedade para fomentar e incentivar á poboación a que se mateña nas súas casas. Así están a xurdir novas iniciativas que ofrecen unha serie de actividades de diferente índole para facer máis atractivo o tempo que se pasa dentro de casa.
Unha desas iniciativas é a das asociacións e entidades pertencentes ao movemento galego de recuperación e posta en valor dos xogos e deportes populares e tradicionais galegos, do que forma parte Xotramu, de Muimenta, que veñen de crear unha páxina web (http://xogos-tradicionais-corentena.weebly.com/) coa finalidade de ofrecer recursos de xogos que se poidan realizar nas casas atendendo a este tempo de confinamento. Dentro da web hai unha lapela específica xogos para estes días onde se irán sumando diariamente xogos para todas as persoas.
Baixo o selo Patrimonio Lúdico Galego inclúense diferentes colectivos de toda a comunidade autónoma que busca esa promoción da cultura a través dos xogos tradicionais e que desenvolven durante todo o ano unha serie de actividades con esa finalidade. Ademais, esta web está vinculada a aulasgalegas.org, outra iniciativa educativa orientada á ofrecer recursos e alternativas durante o confinamento.
A idea xurdiu como forma de contribuír a facer máis pasadeira a situación de alarma, "pero tamén queremos ir un pouco máis aló. Queremos reivindicar o tempo de xogo como un valor que non debemos perder, un patrimonio que temos que coidar e que responde moi ben a estas situacións onde se nos pide parar (non consumir, non saír), nun momento no que as novas tecnoloxías non o poden ocupar todo", indican dende a organización.
Para levar a cabo moitos destes xogos só precisas creatividade, material de refugallo e diversión á vez que se coida a cultura.