O río Miño acollerá unha xornada para combinar deporte, educación ambiental e recollida de residuos

LugoXa
A actividade celebrarase o 19 de xullo na Escola de Piragüismo de Lugo e incluirá un percorrido guiado en kaiak con interpretación do ecosistema fluvial
escola-de-piragüismo-e-río-Miño-zona-de-baño-Lugo
14 Jul 2026

A Escola de Piragüismo de Lugo será o escenario, o vindeiro domingo 19 de xullo, dunha Xornada Ambiental que unirá a práctica deportiva coa sensibilización ambiental a través dunha iniciativa centrada no coidado do río Miño.

A proposta, organizada entre as 11.00 e as 14.00 horas, ofrecerá aos participantes a oportunidade de colaborar na recollida de residuos nas marxes do río e completar unha ruta guiada en kaiak, durante a que tamén se darán a coñecer diferentes aspectos relacionados co ecosistema fluvial e as boas prácticas para a súa conservación.

A actividade desenvolverase no tramo comprendido entre o Caneiro das Illas e o Caneiro do Rei, cun percorrido adaptado ao nivel do grupo e supervisado por monitores especializados.

A organización establece un máximo de 20 prazas, polo que será imprescindible realizar inscrición previa. A iniciativa está aberta a persoas a partir dos 7 anos, aínda que todos os participantes deberán saber nadar.

O material necesario para a actividade será facilitado pola organización, que achegará embarcacións K2 autovaciables, chalecos salvavidas, luvas, sacos para a recollida de residuos e apoio técnico durante toda a xornada.

0.12316989898682