O río Miño acolleu unha práctica de rescate acuático con alumnado de Emerxencias e Protección Civil

LugoXa
Unha vintena de estudantes do CIFP As Mercedes participou nun exercicio coordinado xunto ao Servizo Municipal de Bombeiros e alumnado de Aeromecánica con apoio de drons
Rescate-Acuático-rio-Miño-Lugo
13 May 2026

As inmediacións da Escola de Piragüismo de Lugo acolleron unha práctica de rescate acuático desenvolvida no río Miño na que participou unha vintena de alumnos do ciclo medio de Emerxencias e Protección Civil do CIFP As Mercedes, formación que se imparte nas instalacións do CEI Nodus, dependentes do Concello de Lugo.

A actividade contou tamén coa colaboración de efectivos do Servizo Municipal de Bombeiros, encargados de coordinar os exercicios e de trasladar ao alumnado experiencia práctica en intervencións de emerxencia. Durante a xornada realizáronse distintas manobras de rescate acuático orientadas á preparación dos futuros profesionais de emerxencias e protección civil.

A práctica incorporou ademais ferramentas tecnolóxicas aplicadas á xestión de emerxencias. Neste caso, alumnado do ciclo de Aeromecánica participou na gravación das manobras mediante o uso de drons, apoiando o desenvolvemento técnico do exercicio.

Ata o lugar achegouse tamén a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polo director do CIFP As Mercedes, Joaquín Expósito López, e polo xefe de bombeiros, Juan Coto. Durante a visita puxeron en valor “a importancia dunha formación práctica e coordinada entre administracións e profesionais para preparar aos futuros efectivos de emerxencias e protección civil”.

0.12285900115967