O rural de Lugo denuncia a falta de servizos de telefonía fixa e acceso a internet

LugoXa
FRUGA esixe que a Xunta deixe de mirar cara outro lado e tome medidas efectivas
internet
7 Out 2024

Nos últimos días, varios concellos do rural galego están a sufrir a falta de servizos de telefonía fixa e acceso a internet debido á incompetencia da empresa Telefónica, segundo denuncia a Federación Rural Galega (FRUGA). Máis de 600 usuarios na montaña de Lugo, moitos deles persoas maiores que dependen do servizo de Tele-asistencia, están sendo afectados por esta situación.

A empresa Movistar, pertencente a Telefónica, non ofrece solucións satisfactorias, limitándose a xustificar a falta de servizo como consecuencia do cambio de tecnoloxía de 2G a 4G. As chamadas ao servizo de atención ao cliente, tanto ao 1002 como ao 1004, non están a solucionar o problema, xa que as respostas son automáticas e sen intervención directa de operadores, o que fai que as incidencias queden sen resolver.

A situación agravarase nos próximos días, xa que os apagóns analóxicos previstos nas centrais telefónicas afectarán aínda máis usuarios, especialmente a partir do 19 de outubro, cando moitas persoas quedarán sen liña fixa e sen acceso a internet. A falta de estensión da fibra óptica no rural, segundo FRUGA, converte as novas tecnoloxías nunha utopía para as aldeas galegas.

FRUGA denuncia non só a falta de servizo, senón tamén a desidia de Telefónica por non ofrecer un servizo de calidade e non estender a fibra óptica ás zonas rurais. Isto, segundo a federación, afecta gravemente tanto ás persoas maiores que dependen da Tele-asistencia como aos gandeiros e agricultores que necesitan internet para realizar xestións importantes coa administración.

A federación pide a intervención urxente do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para evitar que o rural galego quede sen servizos básicos de telefonía e internet, lembrando que esta situación pon en cuestión as campañas de propaganda da Xunta, que presume de impulsar servizos como a Tele-asistencia e a oficina virtual agraria. FRUGA esixe que a Xunta deixe de mirar cara outro lado e tome medidas efectivas para garantir que todos os veciños e veciñas do rural galego teñan acceso aos servizos esenciais de comunicación.

0.20319414138794