O Salón de actos da Deputación acolle as III Xornadas Feministas baixo o lema ‘Feministas = Igualdade’

LugoXa
A cita reuniu expertas de distintos ámbitos para reflexionar sobre igualdade, ciencia, psicoloxía e intelixencia artificial
Xornadas=Igualdade-Deputación-Lugo
17 Apr 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, puxo en valor o papel das mulleres nos espazos de decisión durante a inauguración das III Xornadas Feministas=Igualdade, organizadas pola institución provincial. No acto, celebrado ante un amplo público no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a mandataria compartiu a súa experiencia persoal desde que asumiu o cargo, relatando situacións nas que se cuestionou a súa profesionalidade ou foi obxecto de descualificacións baseadas en estereotipos.

A responsable provincial advertiu de que este tipo de actitudes non son feitos illados, senón sinais de que aínda persisten inercias e prexuízos que cómpre superar. Neste sentido, destacou a relevancia de iniciativas como estas xornadas, orientadas á comunidade educativa, que buscan crear espazos de reflexión e aprendizaxe para cuestionar ideas asumidas durante anos e avanzar cara a unha igualdade real.

Carmela López dirixiuse especialmente á mocidade, á que apelou a construír un futuro no que non se retroceda en dereitos. A presidenta tamén reafirmou o compromiso da Deputación para continuar impulsando accións que non só informen, senón que contribúan a transformar a sociedade.

Tras a inauguración, a xornada foi conducida pola actriz e presentadora lucense Beatriz Serén, que guiou ao alumnado dos centros Galén, Ánxel Fole e Politécnico polas distintas intervencións programadas. A primeira relatora foi Eulalia Pérez Sedeño, referente internacional en filosofía da ciencia e estudos de xénero, quen abordou as desigualdades presentes no sistema científico e desmontou falsas crenzas sobre as mulleres neste ámbito.

A continuación, Laura Redondo, doutora en Psicoloxía, analizou baixo o título Mitos e lendas da igualdade o impacto das desigualdades no benestar emocional, combinando a súa experiencia clínica coa divulgación. Pola súa banda, Almudena Cueto reflexionou sobre o papel da Intelixencia Artificial, advertindo de que os algoritmos poden reproducir sesgos de xénero e xerar discriminacións se non se deseñan de forma consciente.

O programa completouse co relatorio de Cristina Pérez e Seila Couso-Pérez, que explicaron como o denominado Efecto Matilda contribuíu historicamente a invisibilizar o traballo das mulleres na ciencia. Antes da clausura, a humorista Esther Gimeno puxo o broche cunha intervención en clave crítica e irónica sobre cuestións como os roles de xénero ou as relacións.

A xornada pechouse coa intervención da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, quen subliñou que a igualdade é un proceso en constante construción que require compromiso colectivo. Neste sentido, reiterou a vontade da Deputación de seguir promovendo iniciativas que favorezan unha sociedade máis xusta, igualitaria e consciente.

0.12120890617371