O Samaín chega a Lugo con un concurso de escaparates e unha xincana de medo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou a posta en marcha dunha nova campaña de fomento do consumo local e apoio ao comercio e a hostalería da cidade con motivo da celebración do Samaín. “Esta festividade forma parte da tradición e a cultura máis enxebre da nosa terra, por iso queremos aproveitar a ocasión para animar a toda a cidadanía a saír ás rúas da cidade a festexar a cita, consumindo nos establecementos de proximidade do municipio”.
A iniciativa enmárcase no Plan de dinamización de barrios do movemento Localmente Lucense, posto en marcha polo goberno de Lara Méndez, a través da área de Desenvolvemento Local, consistente na realización de actuacións de promoción, divulgación e sensibilización dos diferentes barrios da cidade, a través do fomento do consumo na hostalería e comercios locais.
Neste senso, a edil responsable da área, Ana Abelleira lembrou que “a programación contempla campañas estacionais, en datas concretas, como as xa realizadas por San Valentín, durante as rebaixas, e agora, con motivo do Samaín”.
Esta celebración milenaria, de orixe celta, ten lugar cada ano, durante a noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro, Día de Todos os Santos. A campaña Localmente Lucense incluirá un concurso en redes sociais; unha xincana con varias probas; así como a presenza de dous animactores caracterizados que percorrerán as rúas dos diferents barrios de Lugo anunciando as actividades, do 24 ao 28 de outubro de 18.00 a 20.00 horas e o 29 de outubro de 12.00 a 14.00 horas. Toda a información, así como as bases de participación nas actividades poden consultarse a través da páxina web.
Concurso en redes Escaparate arrepiante
Para participar os interesados deberán subir (de xeito público) unha foto a Instagram ou Facebook diante dun escaparate dun local Localmente Lucense decorado coa temática de Samaín. Na publicación deberase etiquetar a @desenvolvelugo e ao local do espacarate se tivese redes sociais. As cinco fotos con máis likes serán as gañadoras e poderán escoller o premio en función do número de gústames (sendo así a persoa con máis ‘me gusta’ a primeira en escoller). Os premios incluirán un escape room para máximo 6 persoas; unha sesión de depilación; de tatuaxe ou piercing; ou unha revisión bucodental con limpeza bucal. O concurso permanecerá aberto dende o 24 ao 31 de outubro ás 10:00 horas, momento no que se fará o reconto.
Gran xincana de medo
O propio día de Samaín, o vindeiro luns 31 de outubro, en horario de 18.30 a 21.30, celebrarase a Xincana Localmente Lucense que consistirá nun conxunto de probas de destreza e inxenio que se realizará de forma individual, por parella ou grupo percorrendo a cidade, asegurando a mobilidade entre barrios e ofertando probas que teñan lugar en todas as zonas. Haberá tres premios: 1º premio (350 euros en vale de compras); 2º premio (250 euros en vale de compras) e 3º premio (150 euros en vale de compras).