O San Froilán estrea catro módulos de aseos atendidos e gratuítos en distintos puntos de Lugo

O San Froilán 2026 contará por primeira vez con catro módulos de aseos atendidos e de uso gratuíto, unha novidade coa que o Concello de Lugo pretende ampliar os servizos sanitarios durante as festas. Estes espazos, de maiores dimensións que as cabinas convencionais, disporán de aseos diferenciados para homes e mulleres, instalacións adaptadas para persoas con diversidade funcional e, nalgúns casos, cambiabebés e quentabiberóns.
Os módulos estarán atendidos por persoal encargado da súa limpeza e desinfección durante o horario de funcionamento. O primeiro, de tipo A, situarase na rúa García Portela, preto da noria, e contará con tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes, así como seis inodoros e dous lavabos na de mulleres. Tamén disporá dun aseo adaptado con rampla, cambiabebés e quentabiberóns.
Outro dos módulos instalarase na contorna da Praza Horta do Seminario. Este espazo, duns 7,5 metros de lonxitude, contará con tres lavabos compartidos, cinco inodoros para mulleres e outros cinco para homes, ademais dun aseo completo adaptado para persoas con diversidade funcional.
O terceiro módulo, tamén duns 7,5 metros, estará inicialmente no segundo bancal das Costas do Parque, na zona do Pavillón Municipal de Deportes. Disporá de tres inodoros e dous lavabos para mulleres, tres inodoros e dous lavabos para homes e un aseo completo adaptado. O 12 de outubro será trasladado á zona de San Fiz, onde prestará servizo durante a verbena.
Para esa xornada tamén se instalará un cuarto módulo específico en San Fiz, equipado con tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes, cinco inodoros e dous lavabos na de mulleres e un aseo adaptado con rampla. Este espazo contará tamén con cambiabebés e quentabiberóns.
Os catro módulos adaptarán os seus horarios ás xornadas de maior actividade das festas. Os días 4, 9, 10 e 11 de outubro estarán operativos de 12:00 a 01:00 horas, mentres que os días 5 e 12 funcionarán de 12:00 a 23:00 horas. Pola súa banda, os días 6, 7 e 8 abrirán de 17:00 a 23:00 horas.
O módulo que se trasladará a San Fiz o 12 de outubro estará operativo na zona das orquestras entre as 19:00 e as 24:00 horas.
O dispositivo completarase coa instalación de 32 cabinas sanitarias convencionais, distribuídas entre o recinto feiral e os diferentes espazos nos que se desenvolverán concertos e actividades durante o San Froilán. Algunhas delas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
No recinto feiral colocaranse 18 cabinas, repartidas entre as rúas Rodríguez Mourelo, Puro Cora, o parque Rosalía de Castro, Vila de Foz, a lonxa do Pavillón e o Camiño das Costas.
As outras 14 cabinas instalaranse nos espazos destinados a concertos e actividades, concretamente na Praza Horta do Seminario, no patio do Edificio Administrativo do Concello, nas prazas de Santa María, Santo Domingo e da Soidade, e na rúa Luis Peña Novo.