O Sergas incorpora 19 médicos de hospitalización a domicilio como persoal estatutario fixo

GaliciaXa | LugoXa
O HULA contará con catro profesionais tras a resolución do concurso específico publicado no DOG
HULA-hospital-Lugo-portada
3 Aug 2026

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a resolución do concurso específico convocado polo Servizo Galego de Saúde para o acceso á categoría estatutaria de médico de hospitalización a domicilio, un proceso que permitiu a incorporación de 19 profesionais como persoal estatutario fixo.

Os nomeamentos corresponden a profesionais que xa contaban cun vínculo fixo dentro do Sergas e que agora pasan a ocupar prazas desta categoría nos distintos hospitais públicos galegos.

Entre os destinos asignados figura o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), que incorporará catro médicos de hospitalización a domicilio. Tamén recibirán profesionais o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e o de Ferrol, con unha praza cada un; o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, con dúas; o Hospital Público da Mariña, con tres; o Hospital Público do Salnés e o Hospital Público do Barbanza, con unha cada un; o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con tres; e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, tamén con tres.

A creación desta categoría profesional foi regulada polo Decreto 34/2021, aprobado pola Xunta de Galicia para recoñecer e ordenar as funcións desenvolvidas polos facultativos dedicados á atención domiciliaria especializada. A normativa estableceu un procedemento específico de acceso mediante concurso para o persoal médico que xa viña desempeñando estas funcións no Sergas antes da entrada en vigor da regulación.

A convocatoria estivo dirixida a profesionais con licenciatura ou grao en Medicina e título oficial de especialista que contasen cunha relación fixa co Servizo Galego de Saúde e experiencia nas tarefas propias da hospitalización a domicilio.

0.14149880409241