O servizo de taxi reforzarase con máis licenzas e melloras na mobilidade de Lugo

O Concello de Lugo e o sector do taxi impulsarán novas medidas para mellorar a mobilidade no municipio, con especial atención ao rural e ás persoas con necesidades específicas de desprazamento.
A alcaldesa, Elena Candia, mantivo un encontro con representantes do sector no que se abordou a consolidación e ampliación do servizo de taxi a demanda, unha ferramenta que facilita alternativas de transporte á veciñanza das parroquias.
Como resultado da reunión, ambas partes acordaron crear unha mesa de traballo permanente para analizar a situación actual do servizo e estudar posibles melloras adaptadas ás necesidades reais da cidadanía.
Entre os asuntos que se avaliarán figura tamén o posible incremento das licenzas de taxi. Na actualidade, Lugo conta con 69 licenzas, das cales 3 corresponden a vehículos adaptados, co obxectivo de reforzar a accesibilidade e mellorar a atención ás persoas con mobilidade reducida.
O servizo de taxi a demanda no rural rexistrou entre febreiro e maio un total de 241 desprazamentos, cun custo de 3.937,47 euros para as arcas municipais.
Candia agradeceu a colaboración dos profesionais do sector e destacou a importancia de escoitar a quen presta os servizos públicos e a quen os utiliza para avanzar cara a unha mobilidade máis próxima, accesible e eficaz.