O STEG chama á mobilización en Lugo en defensa do ensino público este mércores 6 de maio

O Sindicato de Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG) fai un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas en defensa do ensino público, que terán lugar este mércores 6 de maio ás 19:00 horas na Praza Horta do Seminario, en Lugo, coincidindo con protestas simultáneas en máis de 25 localidades de toda Galicia.
Estas concentracións, impulsadas por unha ampla fronte de organizacións sindicais, ANPAS e colectivos estudantís, contan tamén coa participación de sindicatos do profesorado como CIG, CUT, Solidariedade Obreira e CNT, ademais de diversas federacións de asociacións de nais e pais e entidades como Erguer ou Fervenza, entre outras.
As entidades convocantes denuncian a situación que cualifican de crítica no ensino público galego, sinalando problemas estruturais que afectan a numerosos centros educativos. Entre as principais reivindicacións destacan o deterioro das infraestruturas, a falta de persoal e recursos humanos suficientes e a sobrecarga burocrática que soporta o profesorado, factores que, segundo afirman, dificultan unha atención educativa de calidade e equitativa.
Tamén alertan de situacións concretas en centros da comarca de Lugo, como o IES Lucus Augusti, onde denuncian que unha única orientadora atende a máis de 800 alumnos, ou a necesidade de desprazamentos continuos de profesionais de apoio educativo entre varios centros, o que, aseguran, impide unha atención continuada ao alumnado. Así mesmo, sinalan o estado de abandono de determinados edificios, como o CEIOP da Ponte, que continúa á espera dunha reforma integral.
As mobilizacións desenvolvidas en toda Galicia buscan, segundo os convocantes, amosar a unidade da comunidade educativa e reclamar cambios estruturais no sistema educativo público.