O talento empresarial feminino da provincia de Lugo dáse cita en Antas de Ulla

O Parque Central Centro Xeográfico de Galicia, en Antas de Ulla, acolleu este sábado a xornada ‘Networking na Ulloa’, organizada pola Asociación de Empresarias da provincia de Lugo (AELU) coa colaboración da Deputación de Lugo, que cedeu as instalacións para o desenvolvemento do encontro.
A actividade reuniu arredor dunha vintena de mulleres empresarias procedentes principalmente da comarca da Ulloa, así como de Lugo e Vilalba. Ao longo da xornada, as participantes presentaron os seus modelos de negocio e diferentes proxectos empresariais, nun espazo destinado tamén a compartir experiencias e establecer posibles colaboracións.
Na actividade participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, que puxo en valor a iniciativa e sinalou AELU como “exemplo de referencia do talento feminino que hai na nosa provincia”.
García Porto estivo acompañada pola presidenta de AELU, Juana Eiroa Díaz; a vicepresidenta, Luz Divina Castelo Rey, e varias vogais da asociación, que tamén deron a coñecer as súas experiencias empresariais xunto co resto das asistentes.
Despois da presentación dos distintos proxectos, a xornada continuou cun espazo de debate e posta en común de ideas entre as participantes. O encontro rematou cunha mostra e unha cata de produtos locais achegados por varias socias de AELU.