O Torneo Lugo Debate 2026 reunirá máis de 200 mozos e mozas en abril

A Asociación Más Debate de Lugo anunciou a chegada dunha nova edición do Torneo Lugo Debate, un dos encontros máis agardados do ano entre a mocidade universitaria e amante da oratoria. A cita terá lugar do 9 ao 11 de abril de 2026 na Escola Universitaria de Relacións Laborais e Recursos Humanos da USC en Lugo, que se converterá durante tres días no epicentro do debate, a reflexión e o intercambio de ideas.
O evento reunirá máis de 200 participantes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades, nunha experiencia que combina competición intelectual, convivencia e aprendizaxe. Segundo a organización, esta edición chega “chea de novidades”, entre as que destacan un formato renovado que porá a proba as habilidades dialécticas dos equipos, conferencias con voces destacadas do ámbito académico e social, e un completo programa de actividades culturais e concertos que reforzan o espírito participativo e dinámico de Lugo Debate.
O torneo, xa consolidado como referente nacional na promoción da oratoria xuvenil, busca fomentar o pensamento crítico, o traballo en equipo e a capacidade de argumentación entre a mocidade, nun ambiente que combina o intelecto co compañeirismo e a diversión.