O Torneo Lugo Debate acollerá a participación de arredor de 200 alumnos e alumnas en abril

A Asociación Más Debate presentou o Torneo Lugo Debate 2025, que acollerá a participación de arredor de 200 rapaces e rapazas de Secundaria, Bacharelato e universitarios de toda Galicia na cidade amurallada durante os días 3, 4 e 5 de abril.
No Lugo Debate, os participantes competirán en varias categorías de Secundaria e Bacharelato, cun máximo de 16 equipos por categoría. O torneo contará con fases de grupos e eliminatorias, ademais de diversas ponencias, conferencias e talleres prácticos sobre temas de actualidade e interese para a mocidade. Ademais, o torneo contará cunha categoría piloto na que participarán 16 estudantes universitarios das provincias de Lugo e A Coruña.
No acto de presentación estiveron presentes o presidente da asociación, Óscar Rodríguez de Vivero; Manuel Maseda, organizador de competicións internacionais de debate, Saúl Corredoira e Antonio Platero; así como representantes do Concello de Lugo, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
As facultades de ADE e Ciencias do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela serán o escenario no que se desenvolverá esta iniciativa, que ten como obxectivo a formación dos participantes na oratoria. “O Torneo é un exercicio de transformación, xa que entras con medo por enfrontarte a un xurado profesional e saes con habilidades profesionais”, explicou Rodríguez.
Ademais, tal e como sostivo o seu compañeiro Maseda, tamén será “un punto de encontro entre alumnado de diferentes centros educativos de toda Galicia para poñer en común ideas que fomenten novos proxectos para a xuventude”.
Con todo, este evento non só apostará polo diálogo e o debate, senón tamén fomentará o coñecemento da cidade de Lugo, polo que no marco deste Torneo de Debate, terá lugar un concerto de Luis Fercán, un paseo por Lugo da man de Guido Guía e os gañadores do Torneo terán como premio unha viaxe a Bruxelas para coñecer o Parlamento Galego.
En definitiva, o Torneo Lugo Debate será un evento centrado na “formación, no crecemento persoal e un momento de xerar relacións con xente que non coñeza Lugo pero que vexa que aquí se fan cousas e se poden desenvolver proxectos”, concluíron os organizadores.
APOIO DAS INSTITUCIÓNS
Pablo Rivera Capón, en representación da Deputación de Lugo, destacou o apoio da institución provincial, que achega 10.000 euros para a organización desta iniciativa, porque “cremos que unha sociedade mellor fórxase no pensamento crítico e na capacidade de expoñer ideas con claridade".
Subliñou o deputado a importancia de eventos como o Lugo Debate “para formar unha mocidade capaz de analizar e comunicar as súas ideas de maneira efectiva e respectuosa. O Lugo Debate é unha excelente plataforma para que os mozos e mozas de Lugo poidan desenvolver as súas habilidades argumentativas, fortalecer a súa oratoria e, sobre todo, aprender a defender as súas ideas de maneira sólida e respectuosa”, sinalou Rivera Capón.
Ademais, o deputado tamén reflexionou sobre o poder transformador da oratoria na política, afirmando que “a oratoria sempre tivo un papel fundamental na política, pois permite non só transmitir ideas, senón tamén convencer, emocionar e inspirar”.
Ao remate da súa intervención, o deputado convidou aos lucenses a seguir o evento e a reflexionar sobre a importancia do debate como ferramenta esencial para o progreso, destacando que “en tempos nos que a desinformación e os discursos rápidos teñen tanto peso, é máis necesario que nunca fomentar o diálogo, o respecto e a reflexión”.
Pola súa parte, Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, explicou que a Xunta colabora coa iniciativa ofrecendo aloxamento aos participantes no complexo residencial xuvenil LUG II.
E destacou que este tipo de certames “fomentan o diálogo e o pensamento crítico” entre a xente nova, uns propósitos que “coinciden cos obxectivos estratéxicos da Xunta en materia de educación, cultura e xuventude”.