O tráfico permanecerá cortado entre a rúa Armañá e a da Raíña
O Concello de Lugo informa dun corte de tráfico puntual no entorno da praza de Santo Domingo, co obxectivo de formigonar o tramo comprendido entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña e avanzar, deste xeito, nas obras de peonalización do Centro Histórico enmarcadas no proxecto ‘Corazón verde entre Murallas’. A este respecto, procederase a cortar o tráfico neste tramo da praza este mércores, entre as 15.30 e as 17.30 horas, e o xoves 21 de marzo, desde as 14.30 horas en diante, cunha hora de finalización dos traballos prevista para as 20.00 horas.
Durante o tempo que duren as restricións haberá presenza de Policía Local na zona para regular o tráfico e dar as indicacións que sexan precisas. Así mesmo, o Concello traslada que se mantén autorizado o acceso desde a rúa do Teatro ata Santo Domingo con saída por San Marcos, xa que o tramo que se corta é desde Santo Domingo (rúa Raíña) cara á praza de Armañá. Igualmente, os vehículos poderán seguir accedendo ao aparcadoiro de Santo Domingo.