O TSXG admite as críticas da CIG á falta de control público sobre Impulsa Galicia, pero non o recurso

GaliciaXa | LugoXa
A sentenza recoñece as advertencias do Consello de Contas sobre a falta de fiscalización da sociedade que promoveu o proxecto de Altri e non impón costas á central sindical
manifestacion-altri-arousa
19 Nov 2026

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza na que inadmite o recurso presentado pola CIG contra a resolución da Comisión de Transparencia pola falta de acceso á información sobre a sociedade Impulsa Galicia, promotora do proxecto de Altri. Porén, a resolución xudicial recoñece a fundamentación dalgúns dos argumentos da central sindical e, por este motivo, non lle impón as costas do procedemento.

Segundo destaca a CIG, o tribunal recolle entre os fundamentos de dereito que «poden compartirse con carácter xeral as conclusións do Consello de Contas», organismo que advertira da falta de fiscalización de Impulsa Galicia. Para a central nacionalista, este recoñecemento evidencia que a Xunta deseñou a estrutura da sociedade para evitar o seu control público.

A resolución volve poñer o foco no modelo escollido polo Goberno galego para impulsar o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A Xunta promoveu a creación dunha sociedade público-privada na que participaban a propia Administración autonómica, Abanca, Reganosa e Sogama, pero cunha composición que, segundo denuncia a CIG, permitía eludir as obrigas de transparencia e fiscalización aplicables ás sociedades mercantís públicas.

A propia sentenza explica que a Xunta non alcanzaba a maioría dos dereitos de voto que esixe o artigo 102 da LOFAXGA, aínda que a súa posición dentro de Impulsa Galicia estaba «moi próxima» a ese limiar, ao contar co 50 % do capital. Para a central sindical, abondaría con que a Administración galega tivese o 50,1 % para que a entidade quedase sometida aos criterios de transparencia e bo goberno.

A orixe do procedemento está na negativa de Impulsa Galicia a facilitar documentación sobre a denominada «iniciativa tractora» para transformar madeira en fibra téxtil e sobre a elección de Altri como «investigador e tecnólogo» do proxecto. Ante a falta de resposta á súa solicitude de información, a CIG presentou unha reclamación ante a Comisión da Transparencia de Galicia. Tras a súa inadmisión por parte deste órgano, a central sindical acudiu á vía contencioso-administrativa, que agora resolve o TSXG.

A CIG lembra tamén que, en agosto de 2025, apenas tres meses despois de solicitar o acceso á documentación sobre o proxecto, a Xunta anunciou a disolución de Impulsa Galicia. A central considera relevante esta decisión, tendo en conta a dimensión dunha iniciativa que xerou unha ampla oposición social e un intenso debate sobre o seu impacto no territorio.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica o sucedido como «unha manobra do Goberno de Rueda para eliminar as probas dun proxecto tan terrorista ambiental e socialmente como o de Altri».

Carril tamén sitúa a resolución nun contexto que considera preocupante polos cambios organizativos e de composición rexistrados no TSXG, que, ao seu xuízo, poñen en cuestión a imparcialidade dos tribunais á hora de resolver sobre proxectos destas características. A CIG asegura que xa denunciou estas modificacións xunto con outras organizacións e plataformas.

A central sindical apunta, en concreto, a un incidente producido durante a tramitación deste procedemento: o cambio de maxistrados en abril, cando o litixio se atopaba na súa fase final e entre os integrantes do tribunal figuraba Luís Villares. A isto engade os cambios na composición das seccións, os traslados de asuntos entre elas e a creación dunha sección especial de reforzo, unha medida que, segundo sinala, tamén foi cuestionada por xuíces e maxistrados.

0.15220212936401