O V Trofeo Concello do Corgo reuniu a preto de 180 participantes no Pavillón Municipal

O CPA O Corgo organizou durante as tardes dos días 1 e 2 de maio o V Trofeo Concello do Corgo de Patinaxe Artística, unha cita deportiva que reuniu no Pavillón Municipal do Corgo a arredor de 180 patinadores e patinadoras das categorías de iniciación, niveis e amateur.
Segundo destacou o club organizador, o evento estivo marcado pola ilusión, o esforzo e o talento das persoas participantes, que protagonizaron dúas xornadas de competición e convivencia arredor da patinaxe artística.
No apartado amateur, as deportistas do CPA O Corgo acadaron diferentes posicións destacadas. Na categoría Infantil de 1º ano, Vera Gómez conseguiu a quinta posición. En Cadete B, Ángela Trashorras proclamouse campioa, mentres Carla Rodríguez Fuentes obtivo o segundo posto e Julia Magdalena rematou terceira.
Na categoría Cadete C, Carmen Bouso logrou a primeira posición e Antía Lamela finalizou quinta. Pola súa banda, Laura Revaldería acadou o terceiro posto na categoría Absoluta.
Desde o club tamén sinalaron que nas categorías de niveis e iniciación se conseguiron “moi bos resultados”, valorando de maneira positiva a participación das súas patinadoras ao longo do campionato.