O Valadouro foi seleccionado para formar parte dun proxecto europeo para persoas maiores do rural

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
María Mon Geada, concelleira de servizos sociais do Valadouro, informou sobre que o Concello foi seleccionado para participar no Proxecto RedMay (Rede de apoio ás persoas maiores que residan no rural galego).
1f37a98a 725e 4338 beaa 0d0fcc9c8488
7 Nov 2019

María Mon Geada, concelleira de servizos sociais do Valadouro, informou sobre que o Concello foi seleccionado para participar no Proxecto RedMay (Rede de apoio ás persoas maiores que residan no rural galego). Este programa desenvólvese no marco do Programa operativo EP – INTERREG V A, España – Portugal (POCTEP) e está a levarse a cabo nunha vintena de concellos de Galicia e na rexión norte de Portugal. Nel a Xunta de Galicia ten como socios á Universidade de Vigo e á Cámara Municipal de Braga. Así os maiores contan con aistencia de balde en materias como a optometría e o apoio persoal, sen desprazarse da súa localidade.

Trátase dunha nova rede de apoio ás persoas maiores que residen en contornas rurais denominada RedMay e que a Consellería de Política Social achega a cinco concellos da provincia de Lugo, entre eles o Concello de O Valadouro, coa finalidade de facilitar aos maiores de 55 anos o acceso gratuíto a servizos de optometría, podoloxía e apoio persoal sen ter que desprazarse fóra do Concello. 

É un programa totalmente gratuíto para as persoas participantes, que están sendo atendidas desde o pasado luns 4 e permanecerá ata o vindeiro venres 8 de novembro. Durante esta semana máis dun centenar de veciños e veciñas maiores de 55 anos de O Valadouro reciben os servizos na unidade móbil, instalada na explanada do Parque Concepción Arenal, en Ferreira. Este dispositivo dispón de plataforma elevadora para o acceso daquelas persoas que presentan mobilidade reducida. 

A unidade móbil ofrece diferentes recursos e, ademais, dos servizos ópticos e de podoloxía, as persoas usuarias tamén son asesoradas sobre servizos esenciais cotiáns, como información relacionada coa etiquetaxe dos alimentos ou cos contratos e facturas de subministracións domésticas (auga, electricidade, etc), adaptación do fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas, etc. 

Si algunha persoa de mais de 55 anos segue a estar interesada nalgún destes servizos, deberán achegarse á propia unidade móbil ou chamar ao teléfono de contacto 604 084 058 para ser citada. 

0.17993903160095