O Vello Cárcere acolle a exposición 'Tecendo Redes', unha mostra que une migración, arte e integración en Lugo

O Vello Cárcere de Lugo abriu as súas portas á exposición “Tecendo Redes: Migración, Arte e Lugo”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Inmigrantes e Retornados/as Rioplatenses que permanecerá aberta ata o 28 de decembro.
O proxecto reúne unha decena de propostas artísticas que abordan a migración desde perspectivas diversas, combinando fotografía, pintura, creación audiovisual e instalacións. Entre elas inclúense obras como Cousas Nosas, Turquía en retratos de muller de Pedro Cantero, Equilibrio de Alisa Smirnova, Raíces do corazón de Soila Jankowska, Omni Tempore de Juan Pablo Mastroianni, Éxodo de la conciencia de Hanoi Vidal, Somos 113+ de Evelin Ruiz Crego ou Doppelgänger de Cris Bamio.
A comisaria Ana María Bereciartua Gasperini, xunto con Daniel Manuel Vázquez Vila e Encarna Lago González, subliñou durante o acto que a mostra pretende “tecer pontes entre culturas” e amosar a realidade de quen chega a Lugo na procura dun novo fogar.
O evento contou tamén coa participación de Simón Rodríguez e doutras persoas representativas da inmigración na provincia, que puxeron o foco na importancia do acollemento, a integración e a convivencia intercultural; e coa colaboración da Deputación de Lugo, o Museo da Migración, o Museo Provincial, Taller da Ulloa e diversas entidades sociais.
A inauguración contou coa participación de Simón Rodríguez e doutras persoas representativas da inmigración na provincia, que puxeron o foco na importancia do acollemento, a integración e a convivencia intercultural.
As persoas asistentes destacaron o valor dunha iniciativa que non só exhibe talento artístico, senón que promove unha mirada máis humana e próxima sobre a experiencia migratoria.