O Vello Cárcere acolle a exposición “Xaque Mate” da artista Beatriz Barcia ata o 30 de abril

LugoXa
A mostra, comisariada por Luz Darriba, revisa obras da historia da arte para reflexionar sobre conflitos sociais actuais
exposición-“Xaque-Mate”-O-Vello-de-Carcere-Lugo
12 Mar 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, inaugurou no Centro Sociocultural O Vello Cárcere a exposición “Xaque Mate”, da artista Beatriz Barcia. A mostra, comisariada por Luz Darriba, poderá visitarse nas celas de mulleres da segunda planta do espazo cultural ata o vindeiro 30 de abril.

Durante a inauguración, Maite Ferreiro destacou o papel do Vello Cárcere como un lugar de creación artística, reflexión e encontro cultural aberto á cidadanía. A edil explicou que desde a área de Cultura continúan impulsando programacións que, ademais de achegar a arte ao público, conviden tamén a pensar sobre as realidades sociais que rodean á sociedade.

A exposición reúne unha serie pictórica na que Beatriz Barcia revisa e reinterpreta obras de destacados mestres da historia da arte, entre eles Diego Velázquez, Francisco de Goya, Artemisia Gentileschi ou Théodore Géricault, así como propostas de artistas contemporáneos que abordaron problemáticas sociais. A creadora adapta estas referencias á realidade actual para construír unha proposta visual que funciona como unha sorte de “xustiza pictórica”.

A través das súas obras, a artista aborda cuestións de forte impacto social como as guerras e as súas consecuencias, a violencia machista, a discriminación das mulleres, a corrupción ou as desigualdades económicas. A serie parte da metáfora do taboleiro e das pezas de xadrez para representar estas dinámicas de poder e conflito, que posteriormente se transforman en figuras humanas co obxectivo de reflectir con maior intensidade as tensións e problemáticas da sociedade actual.

0.11830687522888