O Vello Cárcere acolle a presentación do libro ‘La sociedad revolucionaria de la parroquia de Donis’
O Vello Cárcere acolle esta tarde de xoves, 14 de novembro, a partir das 19.30 horas, a presentación do libro ‘La sociedad revolucionaria de la parroquia de Donis’ de Posín de Noudelo.
Ademais do autor, estarao acompañando o tamén escritor e poeta lucense Toño Núñez, que define este libro como “senlleiro e cheo de memoria para espantar o esquecemento, mais sen revanchismo nin resentimento”.
Así, di que é “un libro que engancha e, á vez, pon luz na forma de pensar, sentir, actuar e vivir duns fuxidos que se meteron nun túnel dunha maneira pouco calculada e do que xa non puideron saír con vida, algúns deles”.
Pero non fala de fuxidos literarios, di Núñez, senón que “fala de fuxidos de carne e óso, fuxidos da zona dos Ancares que se esconderon nos seus montes e se refuxiaron nas súas covas e furadas; ou se agocharon nas propias casas pre non seren descubertos”.
Con todo, o libro reflicte “como moitos mozos da época, simplemente por non querer ir á “guerra oficial”, fuxiron para o monte e, despois, non lles quedou máis remedio que sobrevivir como puideron, pouco menos que coma feras montesías”, sostén o poeta.
Ademais, lembra que no lugar da presentación, O Vello Cárcere, figura o nome do seu bisavó, “inspirador e protagonista do primeiro libro deste autor cervantego a quen lle queda moito por decir e por contar”, conclúe.