O Vello Cárcere acolle estudantes de danza do Porto e reforza a súa aposta polas artes do movemento

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, recibiu no Vello Cárcere un grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto que se atopan de visita na cidade dentro dun intercambio co CDAN de Lugo.
Durante o encontro, Ferreiro destacou que Lugo está a consolidarse no panorama estatal e internacional das artes do movemento grazas a unha programación estable, diversa e a unha aposta continuada pola creación contemporánea. Subliñou ademais que O Vello Cárcere se converteu nun dos espazos culturais que cada ano acolle diferentes residencias artísticas das que, segundo indicou, xorden novos espectáculos.
A edil responsable de Turismo e Cultura puxo tamén en valor o peso que teñen as artes do movemento dentro da programación cultural da cidade, con espectáculos xa consolidados nos auditorios municipais e cunha forte presenza da investigación e da creación contemporánea, apoiada en residencias artísticas e colaboracións co tecido profesional.
No marco desta liña de traballo, o Vello Cárcere acollerá durante 2026 dúas residencias artísticas dentro do programa Residencias Paraíso, co que a área de Cultura colabora desde hai anos. Unha delas será a da arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán, que investigará o proxecto Como cuando el pelo se eriza, unha proposta centrada na reflexión sobre o capricho e o desexo, explorando a través do movemento e do son a creación dun corpo impaciente que habita a ausencia e a especulación.
A segunda residencia estará a cargo do músico e artista performativo asturiano Óscar Bueno, quen desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. O proxecto propón unha exploración da paisaxe como relación entre quen observa e o observado, empregando corpo, imaxe e son como ferramentas para abrir novas formas de percepción e vinculación co entorno, nun formato de conferencia expandida na que a montaña se transforma e se expresa como experiencia sensorial e narrativa.