O Vello Cárcere acollerá a presentación do libro #taméneu de María Xosé Porteiro
O Vello Cárcere de Lugo acollerá a presentación do libro #taméneu de María Xosé Porteiro. Será o mércores 17 ás 20.00 horas. Este libro é unha escolma de setenta e sete traballos xornalísticos sobre o que a autora denomina a revolución feminista.
Na presentación participará Carmen Díaz Simón, do Foro Feminista de Lugo, entidade que colabora na organización do acto, xunto coa prologuista do libro, Llerena Perozo, o representante da editorial, Manuel López, e a propia autora.
A respecto do papel das mulleres como columnistas de opinión afirma que é un dos xéneros xornalísticos que máis lle compracen, malia recoñecerse como “unha toda terreo, mais a opinión é un eido moi masculinizado nos medios impresos. Informes da asociación de Mulleres Xornalistas falan de que as columnas asinadas por mulleres están entre o 10 e o 15% de toda a opinión publicada. Daquela, considero necesario que voces autorizadas de mulleres ocupen estes espazos”. María Xosé Porteiro lembra que pertence “á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta. Afirma que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista. “Desde aquela participei dun debate que entrou de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise. En #taméneu, versión galega da expresión mundialmente famosa, Me too, abordo aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual. Estou certa de que estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización”.