O Vello Cárcere acollerá este venres un congreso sobre alumeado público
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que este venres o Vello Cárcere acollerá o congreso Centro de Pensamento e Networking, Alumeado Urbano, organizado polo Comité Español de Iluminación en colaboración co Concello de Lugo. O evento, que terá lugar este venres, reunirá a un grupo de expertos e expertas en alumeado no Vello Cárcere cun total de 4 conferencias e 3 mesas de expertos nas que se tratarán temas como as tendencias de alumeado, a protección do ceo nocturno ou o alumeado con perspectiva de xénero.
Rubén Arroxo afirmou que “Lugo acolle este congreso onde mostraremos o esforzo que realizamos nos últimos anos, avanzando na renovación da rede de alumeado público cun gasto enerxético baixo, e aplicando a perspectiva de xénero para garantir a seguridade nos espazos públicos”. O tenente alcalde participará na charla inaugural, xunto con Fernando Ibañez Abaiga, presidente do Comité Español de Iluminación e representantes da Consellería de Industria, que terá lugar ás 09.30 no auditorio do Vello Cárcere.
Ás 17.15, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, participará na mesa de expertos sobre alumeado con perspectiva de xénero, onde compartirá espazo Juan Carlos García, arquitecto, Lanzada Calatayud, consultora de turismo e Alfred Sá, deseñador de alumeado.
Ao remate da xornada, entre as 19.00 e as 21.15 realizarase un paseo nocturno pola cidade, que co título unha mirada colectiva á paisaxe nocturna achegará ás persoas participantes a imaxe das rúas de Lugo durante a noite. Este paseo nocturno está organizado pola asociación SlowLight
Todas as actividades do congreso de alumeado, así como o paseo nocturno son de acceso libre até completar o aforo do Vello Cárcere.