O Vello Cárcere de Lugo acolle este xoves unha mostra aberta das Residencias Paraíso 2026

O Vello Cárcere de Lugo acollerá este xoves, 27 de agosto, ás 20.00 horas, unha mostra aberta dos traballos desenvolvidos por Blanca Gómez Terán e Óscar Bueno no marco das Residencias Paraíso 2026. A actividade terá acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
A artista Blanca Gómez Terán e o creador e intérprete Óscar Bueno iniciaron o pasado 17 de agosto as súas respectivas residencias na cidade amurallada, onde traballaron nas propostas "Como cuando el pelo se eriza" e "La excitación del paisaje: conferencia montañera".
Tras finalizar esta etapa de residencia artística, ambos os creadores compartirán co público unha parte do proceso de investigación e creación desenvolvido durante a súa estadía no Vello Cárcere. A sesión permitirá coñecer de preto o traballo que están a desenvolver dentro desta décima edición das Residencias Paraíso.
O programa, promovido polo Colectivo RPM, está centrado na creación contemporánea vinculada á danza e ás artes vivas e constitúe unha iniciativa pioneira no territorio galego. Ademais da presentación deste xoves en Lugo, Blanca Gómez Terán e Óscar Bueno participarán xunto ao resto dos Artistas Paraíso 2026 no encontro anual do programa, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e coa colaboración das entidades coprodutoras do programa: a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, os concellos de Vimianzo, Carballo, Oleiros, Ponteareas e Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.