O Vello Cárcere organiza contacontos con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebrará o vindeiro 11 de febreiro, o centro sociocultural O Vello Cárcere prepara unha sesión de contacontos miúdos. Na proposta, que terá lugar este sábado 3 de febreiro, lerase o libro Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes co que os máis cativos coñecerán a historia de Jull Tarter e Grace Hopper.
O tempo restante, os participantes poderán ler, debuxar ou xogar no Espazo de Lecer. Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Farase unha primeira quenda de mañá de 11.00 a 12.30 horas e unha segunda quenda de 12.30 a 14.00 horas. Poderán inscribirse 15 persoas por cada quenda.
Por outra banda, o domingo terá lugar a actividade Cousiñas Xeitosas. Aproveitando a exposición Miradas. Mulleres na arte, visitaranse as súas obras e tentarase recrear unha das técnicas que emprega a artista. Neste caso, está pensada para a cativada de entre 3 e 8 anos. Terá lugar de 11.00 a 12.30 horas e poderán participar un máximo de 15 persoas.