O Vello Cárcere será o escenario dun ciclo de cinema que explora a relación entre literatura e pantalla

LugoXa
O Club Cultural Valle-Inclán impulsa unha proposta que combina proxeccións e análise de obras adaptadas en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas
O-Vello-Cárcere-fachada
17 Apr 2026

O Club Cultural Valle-Inclán organiza un ciclo de cinema baixo o título ‘Do libro á pantalla’, unha iniciativa que nace co obxectivo de poñer en diálogo dúas formas de expresión artística como son a literatura e o cine.

Nun contexto no que os clubs de lectura espertan un crecente interese entre o público e as salas cinematográficas experimentan tamén un aumento de espectadores, a proposta busca ofrecer un espazo de reflexión sobre como os directores interpretan e trasladan á gran pantalla as obras literarias.

A actividade desenvólvese en colaboración co programa do Club de lectura da biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e contará cunha programación estruturada en catro sesións.

A primeira terá lugar o día 20 de abril coa proxección de ‘La carta final’, dirixida por David Hugh Jones e baseada na novela de Helene Hanff, unha produción do Reino Unido de 1987 cunha duración de 95 minutos.

O ciclo continuará o 27 de abril con ‘Las horas’, de Stephen Daldry, adaptación da obra de Michael Cunningham, unha película estadounidense de 2002 que se estende durante 114 minutos.

Xa en maio, o día 4, será a quenda de ‘Brooklyn’, dirixida por John Crowley e baseada na novela de Colm Tóibín, unha produción irlandesa de 2015 cunha duración de 111 minutos.

A programación pecharase o 11 de maio coa proxección de ‘Las ocho montañas’, de Felix Van Groeningen, adaptación da novela de Paolo Cognetti, unha película italiana de 2022 que alcanza os 147 minutos de duración.

Todas as sesións celebraranse no Salón de Actos do Vello Cárcere ás 19:30 horas e a organización informa de que, unha vez iniciada a proxección, non se permitirá o acceso á sala. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo.

0.10692501068115